Evento: Asalto ao Castelo
Asalto ao Castelo
Na noite do primeiro sábado de xullo a vella fortaleza medieval de Vimianzo volve ser rodeada por miles de persoas dispostas a atacala. Trátase da festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha celebración única.
Inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais.
A entidade organizadora é Cherinkas, co Concello de Vimianzo e Axvalso.
A representación teatral do Asalto, que se celebra na medianoite do sábado no medio de diferentes concertos musicais, adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca, e conta sempre coa participación activa do público. Os asistentes convértense en ‘asaltantes’ e comparten escena coa persoa guerreira, meiga, defensores e todos aqueles personaxes que se vaian creando para cada edición en historias diferentes. Estas personaxes guían os participantes co enorme ariete nun camiño iluminado polo lume dos fachos e ambientado co son dos tambores cara ao Castelo, onde se produce a toma simbólica deste .
Unha das actividades do Asalto que esperta máis interese é a Cea Medieval. Cun menú propio da época no venres previo ao Asalto. Celébrase no foso do Castelo.
O Asalto para nenas e nenos é o Asaltiño. Consta de tres fases in crescendo, desde a presentación teatral das inxustizas na praza do Concello, pasando pola feroz batalla de auga contra os señores feudais e concluíndo co clásico e máxico momento do ariete coa vitoria irmandiña.
As Irmandades Parroquiais consisten nun desfile formado por xente de todas as idades e reúne a veciñas e veciños de parroquias de toda a comarca histórica da Terra de Soneira., que avanzarán desde diferentes puntos até chegar ao centro da vila para asaltar o castelo pola noite e escoitar o pregón e izado da bandeira irmandiña desde o consistorio.
Diferentes establecementos hostaleiros da vila ofrecen durante toda a semana os famosos “Pinchos irmandiños”, petiscos que non poden levar ingredientes posteriores ao descubrimento de América e que se inspiran na gastronomía medieval.
A Feira de Artesanía, na contorna da praza do Concello, o día do sábado, serve como escaparate de artesáns locais e de toda Galicia e compleméntase coa oferta lúdica de actividades.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular