Evento: Libros venerados en venerables bibliotecas
Libros venerados en venerables bibliotecas
Celebramos o Día da Edición, que conmemora o aniversario do nacemento de Ánxel Casal, co roteiro Libros venerados en venerables bibliotecas.
Santiago de Compostela alberga o principal número de bibliotecas históricas de Galicia. Nos fondos que atesouran, podemos seguir con precisión a evolución da cultura europea a través de singulares edicións, observando como as técnicas de impresión, a evolución das ideas, as azarosas vidas dos seus impresores, autores e propietarios e os cambios nos réximes políticos deixaron unha valiosa pegada. Propoñemos desta volta unha visita a catro singulares bibliotecas da cidade, para descubrir algúns dos seus tesouros bibliográficos e as historias que agochan, desde incunables, edicións raras ata libros de biografía turbulenta. Na Biblioteca Pública Ánxel Casal coñeceremos algúns fermosos libros do seu fondo e da Biblioteca de Galicia, para despois atopar exemplares únicos nas bibliotecas do Convento de San Francisco, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.
Comezaremos o roteiro no salón de actos da nosa biblioteca. Dirixido a público adulto. As persoas interesadas poden recoller a invitación no mostrador de información da biblioteca dende 30 min antes do comezo da actividade. 20 prazas dispoñibles
Esta actividade conta coa colaboración da Biblioteca de Galicia, a Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, a Biblioteca Franciscana de la Provincia de Santiago e o Consello da Cultura Galega.
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro