Evento: Puente de Varsovia
Puente de Varsovia
Pont de Varsòvia está datada en 1989, o ano da caída do Muro de Berlín. Se o look predominante en Nocturno 29 era o da alta burguesía sesentista, en Pont de Varsòvia refulxen as imaxes da nova intelectualidade e da amnésica clase política progresista europea. Mais baixo a superficie relucente de eventos socioculturais espectaculares e de vida frívola na Europa feliz, ténsanse as memorias de fracturas e cataclismos persoais e históricos. Filmada coa mesma pulcritude que o cinema comercial coetáneo, Pont de Varsòvia fai estalar o argumento nos mil fragmentos dunha paisaxe europea rota polo retorno da Historia. Non resulta estraño que Godard rubricase dous anos despois un filme irmán, Alemania 90 nueve cero, explicitamente herdeiro do Alemania año cero de Rossellini na posguerra europea de 1947.