Evento: Romaría de San Fins do Castro
Romaría de San Fins do Castro
A Festa de San Fins do Castro, en torno á ermida situada en medio dun belo bosque en Cesullas, debe a súa continuidade ao labor do párroco Saturnino Cuíñas, que foi quen a impulsou nos anos 30. Aquí chegan os romeiros co convencemento de que as augas que emanan dunha fonte nas proximidades cura as verrugas, así que o rito é achegarse a ela e mollarse cun pano que se deixa alí. O milagre sucederá cando sequen os panos.
Ata aquí, a tradición. Porque os tempos actuais danlle á festa unha imaxe ben diferente cunha multitude de mozos e mozas empapados en viño tinto, tan excitados diante da imaxe do cura de Cesullas subido nun palco como poderían estalo nun concerto de rock. É a imaxe da cerimonia do "berro seco", un rito con 2.000 anos de vida, no que o público ao unísono emite un profundo berro co que sacar os malos espíritos do corpo.
A tradicional romaría campestre, animada durante todo o día coa música dos gaiteiros, complétase con outro singular acto: a queima do Santo da Pólvora, unha falla artesanal consistente en dous bonecos que reproducen algún oficio tradicional, que se fai estoupar antes dos bailes da mañá.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular