Evento: Festas da Guadalupe 2015
Festas da Guadalupe 2015
En 1854 a peste de cólera que sufriu Galicia apenas tivo incidencia en Rianxo, o que as súas xentes atribuíron á protección da Virxe de Guadalupe, a virxe negra máis popular de Galicia, cuxa imaxe é una réplica feita en cartón pedra en 1773 exacta da de Estremadura.
Ao culto relixioso uniuse entón a festa popular e organizouse unha procesión marítima coa "Moreniña" embarcada nun veleiro e acompañada por un cento de embarcacións tradicionais. Este segue a ser actualmente o acto central da festa. Participan nel máis dun centenar de barcos de todo tipo –algúns deles a disposición do público–, engalanados con bandeiras e grilandas multicolores e, alén de constituír a grande ocasión dos rianxeiros de reencontrarse cos seus familiares e amigos no final do verán, ten acadado unha gran proxección no exterior debido á súa vistosidade e emotividade.
Protectora das xentes do mar de Rianxo, a imaxe da Virxe de Guadalupe é sacada do seu santuario e levada en procesión ata un barco engalanado. E cando chega á altura do Paseo da Ribeira o público ve á Virxe igual que unha pescantina de Rianxo –camiñando descalza pola area, como as que introduciron as xoubas nos mercados máis importantes de Galicia– e entoa ao unísono a popular canción galega, "A Rianxeira".
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular
