Evento: Os instrumentos populares galegos
Os instrumentos populares galegos
Xesús Vaamonde, gaitas, zanfona, instrumentos de vento, percusión e voz
Xosé Lois Romero, acordeón, instrumentos de percusión e voz
Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero presentan en Espazos Sonoros unha completa viaxe a través das ferramentas da tradición musical de Galicia: os instrumentos populares galegos.
A longa traxectoria destes músicos arredor do folclore, como fundadores ou colaboradores de grupos como Leliadoura, Luvas Verdes, o Grupo Tradicional da Agadic, Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza, Xacarandaina ou Alivoria, e a súa condición de multiinstrumentistas permítelles ofrecer un variado repertorio de músicas nun ameno concerto a dúo, no que interpretarán pezas do repertorio tradicional galego, nas que alternan e combinan con virtuosismo e mestría un instrumento melódico e outro de percusión.
Entre os instrumentos que se poden descubrir durante o concerto, están distintos tipos de gaitas, unha zanfona, un acordeón, requintas e frautas, ocarinas e asubíos, así como unha gran variedade de percusións, como o bombo, pandeireta, pandeira, pandeiro, lata, tixola, tarrañolas ou charrasco. Ademais, amosarase como evolucionaron estes instrumentos ao longo do tempo, principalmente nestes últimos anos, tanto na súa construción coma nos seus usos e posibilidades.