Evento: Entroido 2018
Entroido 2018
O Entroido é unha das grandes festividades de España, recoñecido como manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial. En Galicia hai multitude de propostas singulares, que se celebran desde as fins de semana do mes previo ata días posteriores á propia semana de Entroido, que este ano vai do sábado 10 de febreiro ao mércores 14.
Entre as festividades máis coñecidas están o Entroido de Verín, cos seus batallóns de cigarróns; os peliqueiros de Laza e as pantallas de Xinzo de Limia. Os folións de Manzaneda fanse escoitar desde semanas antes, xunto coas "mázcaras" que bailan canda eles, para rematar o martes de Entroido no desfile de folións de todas as parroquias e a comida popular. Os Xenerais do Ulla percorren a comarca representando atranques ou altos. En Maceda, os homes solteiros saen á rúa vestidos de felos. Madamas e galáns percorren Cobres acompañados dunha charanga, mentres que en Vilariño de Conso cada aldea ten un fulión, un grupo de persoas que tocan bombos e gadañas dirixidas polo Boteiro, a personaxe central do carnaval. A Festa da Androlla, en Viana do Bolo, centra a celebración no embutido de porco típico da rexión que da nome á festa.
Ademais destas festas, numerosas organizacións e entidades propoñen actividades especiais por mor das datas, como o Entroido Mareiro da Cidade da Cultura ou a Festa da filloa de Lestedo. Para unha relación ao detalle dos eventos, pódese consultar a axenda.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

