Evento: Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido
Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido
A Federación Galega de Dano Cerebral ou FEGADACE inaugura a exposición Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido, formada por unha serie de imaxes que constitúen un retrato da complexidade de secuelas que compoñen este tipo de discapacidades. Durante o evento, que se celebrará o martes 20 de marzo ás 19 horas na sala de exposicións Campus Stellae, en Santiago de Compostela, estrearase tamén a curtametraxe do mesmo nome.
A exposición poderá visitarse ata a 30 de abril.
Con esta mostra, a Federación e as asociacións galegas de dano cerebral queren achegar á cidadanía galega a realidade das persoas e familias con dano cerebral adquirido.
A colección de fotografías, de Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro de FEGADACE. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan o seu día a día, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do punto e seguido que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
O vídeo, creado por Edición Rusa, conta con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas... Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.
Tras do peche, a mostra iniciará un percorrido que a levará, ao longo de 2018, ás cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Lugo.
Máis eventos de tipo Exposición