Evento: O Ferrol de Ricardo Carballo Calero
O Ferrol de Ricardo Carballo Calero
Para moitas e moitos de vós esta será a primeira das viaxes; para outras, os máis experimentados, unha continuación da aventura. Sexa como for, nesta nave collemos todos. Porque estades na Primavera das Letras, a base de lanzamento da celebración do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega para os nenos e nenas que cursades infantil e primaria. Dende aquí espallamos o Día das Letras por todo o planeta, por toda a galaxia!
Nesta singradura coñeceremos a vida e a obra de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990). O autor, ao que en 2020 a Real Academia Galega dedica o Día das Letras, é unha figura indispensable para coñecer a historia da lingua e da literatura de noso ao longo do século XX. Notable poeta, dramaturgo, narrador e ensaísta, publicou ademais manuais que aínda hoxe son unha referencia para os estudosos. Participou dende novo nos movementos políticos e culturais impulsados polo galeguismo, foi o primeiro catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega da historia e, xa na madurez, defendeu o achegamento do noso idioma ao portugués. Estes son só algúns apuntamentos rápidos da súa vida e obra. Para termos o carné de persoas exploradoras é indispensable completar a misión.
Podedes deseñar a vosa ruta a través das fichas descargables e as actividades interactivas. E non esquezades que tamén vos propoñemos un concurso: Contádenos o voso Día das Letras. Queremos saber como celebrades o 17 de maio nas vosas escolas. Entre todos os centros participantes sortearemos lotes de libros!
Pero todo iso será cando regresedes, cosmonautas. Agora xa non hai tempo… Comeza a conta atrás: cinco, catro, tres, dous, un…