Evento: Real Filharmonía de Galicia
Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia inicia o seu camiño en Santiago de Compostela en 1996. Paul Daniel é, desde 2013, o seu director titular e artístico, posto no que o precederon Helmuth Rilling e Antoni Ros Marbà. Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Con sede no Auditorio de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago, mantén unha tempada de abono estable. Ao longo da súa traxectoria acompañárona os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas do mundo. Realizou xiras e concertos en escenarios de Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal, país co que mantén unha estreita colaboración.
Comprometida co territorio ao que presta servizo, actúa asiduamente por toda Galicia. A RFG mostra un especial interese pola obra de autores noveis, en particular de compositores galegos. A súa discografía consta de máis de 12 cedés, dedicados a Maurice Ravel, Manuel de Falta, Frederic Mompou, Antón García Abril, Franz Schubert ou José Arriola. A Real Filharmonía de Galicia traballa no achegamento a novos públicos, a través de propostas didácticas, familiares e programas especiais; promovendo ademais a realización de concertos en espazos abertos. A orquestra forma un proxecto conxunto coa Escola de Altos Estudos Musicais, coa que colabora para ofrecer unha formación altamente especializada en práctica orquestral a novos intérpretes.
Maximino Zumalave, director
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Anxo Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992 - 1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F.P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa. Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, a Sinfónica de Praga, a Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquestra Ciudad de Granada, entre outras.