Evento: Cantigas e Agarimos
Cantigas e Agarimos
A Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos” de Santiago de Compostela fundouse nesta cidade no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño, sendo unha das agrupacións máis antigas adicadas ó folclore galego. Dende a súa fundación, Cantigas e Agarimos estivo adicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia.
A comezos do século XX, un grupo de xente unido a compoñentes do Orfeón La Artística e do Orfeón Valverde de Santiago de Compostela deciden formar un coro baixo a presidencia de Salvador Cabeza de León e a dirección dun novísimo Bernardo del Río. O nome elixido sería o de Coro Queixumes dos Pinos. Non sería ata 1920 cando se lograría formar novamente un grupo cos superviventes da epidemia gripal de 1918. A necesidade de introducir voces femininas no repertorio chocaba coas ideas do Centro Católico no que ensaiaban. Lonxe de reprimir a súa evolución artística, o grupo buscou refuxio nos locais da Unión Protectora de Artesáns. O 29 de xullo de 1921 presentouse á cidadanía no Teatro Principal e na Alameda baixo o nome de Cantigas e Agarimos.
A partir de entón nacería en Compostela unha agrupación que no s. XX sería un referente e peza indispensable da sociedade santiaguesa. O piar sobre o que se asentou e serviu de base firme para a súa proxección no tempo responde ao nome de Bernardo del Río, que xa demostrara anteriormente dotes para a dirección artística. O estudo e coñecemento do repertorio tradicional translócese na inspiración galeguista das súas obras, ás que aplicaba a súa formación académica. Entre as súas composicións destaca o pasodobre galego Cantigas e Agarimos, incluído frecuentemente no repertorio das bandas de música.