Evento: Festa de Xesús O Nazareno-Festa das Mortallas

Festa de Xesús O Nazareno-Festa das Mortallas
venres, 13 setembro, 2024 a luns, 16 setembro, 2024
A Pobra do Caramiñal,
A Pobra do Caramiñal

Festa de Xesús O Nazareno-Festa das Mortallas

Festa de Interese Turístico

Se hai unha festa en Galicia que mostre con toda claridade a relación sen complexos e a naturalidade coa que o pobo galego convive coa morte esa é a Festa das Mortallas da Pobra do Caramiñal, unha antiquísima e respectada tradición que suscita de xeito irremediable o asombro dos foráneos. Unha procesión de ataúdes? E tamén de ataúdes brancos dos que se pon aos nenos? Pois así é. Son os cadaleitos dos ofrecidos, aquí tamén chamados nazarenos. Estes e as súas familias dan grazas deste xeito ao Santísimo pola súa intercesión ante a morte, despois dalgunha grave enfermidade ou accidente.

A posta en escena da procesión das Mortallas é, sen dúbida, impresionante. Seguindo o cadaleito que os acubillaría na súa morte, e que é portado polos seus familiares, os ofrecidos van vestidos co seu hábito mortuorio, morado, como o do Cristo, se son persoas casadas ou viúvas, ou branco se son nenos ou rapazas, e levan un gran cirio nas mans. Milleiros de persoas de todas as idades acoden a esta procesión con gran fervor relixioso, moitas delas tamén ataviadas cunha túnica morada, algunhas descalzas, e portando cirios con exvotos colgantes, dando grazas polos favores recibidos ou pedindo boa saúde para eles e os seus achegados. A procesión fai un longo percorrido polo centro urbano da Pobra: tras a figura de Xesús o Nazareno, sae da igrexa de Santiago do Deán, percorre a zona vella e a estrada principal e regresa á igrexa.

As raíces desta tradición á que alude Valle-Inclán nas súas “Comedias Bárbaras” afúndense no século XV. Conta a lenda que uns salteadores foron apresados e condenados a morte na Pobra. O rexedor que debía levar a cabo a sentenza enfermou gravemente e, tras encomendarse ao Nazareno a véspera da súa festividade, recuperou a saúde. Cando chegou a hora da procesión, acudiu ao cortexo amortallado e mandou que os condenados portasen o seu féretro durante a procesión. Ao chegar ao adro, invocou o Cristo e indultou os condenados.

Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

Danzas Ancestrais de Darbo
6 de setembro a 9 de setembro
Varios espacios
Romarías da Virxe da Franqueira
7 de setembro a 9 de setembro
A Franqueira
Romaría da Nosa Señora da Barca
12 de setembro a 16 de setembro
Muxía
Festividade da Virxe de Guadalupe
13 de setembro a 20 de setembro
varios espazos