Evento: RUTA O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ
RUTA O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ
RUTA O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ
09 abril 2022 - 17 decembro 2022
Horario: de 11:00 a 13:30 h
Coordinación: Gema Baños e Virginia Villar
Dirección: Carmen Rey
Prazas: 20
A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son os grandes descoñecidos da cidade de Compostela. Esta ruta recolle unha mostra das actuacións feitas nos últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas....
Partiremos do exterior do CGAC e falaremos da importancia desta primeira obra de Álvaro Siza Vieira en Santiago de Compostela. Continuaremos a camiñada deténdonos noutros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, como o conxunto da avenida Xoán XXIII; a Biblioteca Pública de Santiago, Ánxel Casal, de Andrés Perea; a residencia do presidente da Xunta de Galicia, de Manuel Gallego Jorreto; a quinta Simeón, tamén coñecida como parque de Vista Alegre, con intervencións de César Portela, Arata Isozaki e Antón García Abril; e o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso.
Remataremos o paseo, regresando á arquitectura de Siza, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
A finalidade última desta actividade é animar a todas as persoas participantes a pasear pola cidade e a que descubran as arquitecturas e os espazos urbanos máis novos.
Imparten:
Carmen Rey (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da profesión desde o ano 2000.
Como integrante da Xunta de Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, desde xullo de 2016 representa esta institución como membro (titular e suplente) do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago. Ademais é socia de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia e, desde marzo de 2019, membro individual do Comité Nacional Español de Icomos.
Inscrición:
A actividade é de balde e para participar é necesario inscribirse previamente enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono e enderezo electrónico de contacto. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.
9 de abril
Inscrición do 4 ao 8 de abril
14 de maio
Inscrición 9 e 10 de maio
11 de xuño
Inscrición 6 e 7 de xuño
17 de setembro
Inscrición 13 e 14 de setembro
8 de outubro
Inscrición 3 e 4 de outubro
26 de novembro
Inscrición 21 e 22 de novembro
17 de decembro
Inscrición 12 e 13 de decembro