Clara Gayo (Vigo, 1971) é actriz, autora, educadora e tamén directora teatral.
Formada na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto en Santiago de Compostela e asidua dos ciclos do Centro Dramático Galego, especializouse logo en Interpretación e Arte Dramático na universidade desta cidade.
Directora e autora de textos para a compañía de teatro amador FarandOleiras Cabaré, ten traballado como actriz noutras compañías galegas como Chévere, Berrobambám, Nut Teatro ou Cachuzo Teatro.
Habitual das series televisivas, os seus papeis en Escoba!, O Faro e Arenal, visitadora de cárceres, todas emitidas pola Televisión de Galicia, teñen feito dela un rostro popular para a audiencia.
Alén das incursións nos eidos da fotografía e o vídeo e da participación en festivais e ciclos de teatro, ten desenvolvido tamén unha importante labor como escritora de textos teatrais longos como Movidas (2010), Razóns de peso (2010) ―escrito orixinalmente para Pinguela Teatro―, Agorafobia: parálise sobre o medo (2011) ―seleccionado nos IV Encontros de Creación en Magalia― ou Prohibido sufrir (2014) e pezas breves como Screenplay (2013).
A súa última obra, Evasión, gañou no pasado 2015 o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, promovido polo espazo do idéntico nome da Radio Galega, e será publicada en breve nun libro-cd.