Nova: Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará este mes as obras de conservación do claustro de Santa María de Sobrado con máis de 1,85 M€

04/03/2023

Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará este mes as obras de conservación do claustro de Santa María de Sobrado con máis de 1,85 M€

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita este monumento no que se actuará cun prazo de execución aproximado de 12 meses

A actuación, dirixida a evitar o deterioro do conxunto arquitectónico, eleva o investimento do Goberno galego neste Ben de Interese Cultural a 3,5 M€

 

Sobrado (A Coruña), 4 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o mosteiro de Santa María de Sobrado, onde anunciou que a Xunta de Galicia licitará este mes as obras de conservación do claustro grande con máis de 1,85 M€. Trátase, tal e como informou o responsable autonómico de Cultura, dunha das iniciativas propostas pola Xunta de Galicia para formar parte dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 “O mosteiro de Santa María de Sobrado é unha das principais xoias patrimoniais da nosa terra. A súa especial relevancia para Galicia e a súa vinculación co Camiño de Santiago foi a que nos levou a incluír esta obra nos fondos europeos”, explicou Román Rodríguez na súa visita. “Este ben é un dos principais mosteiros de orixe medieval de Galicia e a nosa obriga é contribuír a súa conservación ao tempo que compaxinamos a protección co seu uso como recurso sostible e activo que mellore a calidade de vida da zona na que se atopa”, engadiu.

Neste senso, tras completar a redacción do proxecto básico, a Administración autonómica ten previsto sacar a contratación nas vindeiras estas obras dirixidas a evitar o progresivo deterioro do claustro grande e da fachada e a mellorar a conservación do conxunto arquitectónico. En concreto, o proxecto centrarase nos sistemas construtivos do claustro a través da eliminación das filtracións e conolización biolóxica, reparación da cuberta, a restauración das galerías cubertas e a renovación das carpintarías.

No tocante á fachada de acceso os traballos inclúen a restauración da reixería dos balcóns, o cambio de carpinterías e a solución dos problemas de humidade e conolonización biolóxica. Todas estas accións faranse tendo en conta a existencia de fauna protexida na zona, adoptando as medidas máis axeitadas de protección e salvagarda.

Ademais de garantir a mellor conservación do mosteiro, o obxectivo, tal e como explicou o conselleiro, tamén e abrir á visita pública este terceiro claustro dotándoo de materiais de interpretación e expositivos para o seu uso cultural e turístico. Neste senso, Román Rodríguez lembrou que o Mosteiro de Santa María de Sobrado, cun papel complementario como albergue de peregrinos, goza do máximo nivel de protección patrimonial, xa que ademais de recoñecido como Ben de interese Cultural, está asociado a declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte.

Últimos traballos

Esta nova achega para mellorar a zona do claustro grande eleva a 3,5 M€ o investimento feito pola Xunta de Galicia en traballos de conservación e na creación dun albergue público para peregrinos. Cómpre lembrar que o Goberno galego actuou no conxunto monumental do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes cun proxecto integral que permitiu eliminar as filtracións de auga, humidades e contaminación biolóxica.

Ademais, nesa ocasión tamén se renovou de forma íntegra a cuberta da igrexa, limpáronse os muros, realizáronse labores de limpeza nos elementos escultóricos do interior e das fachadas sur e oeste e melloráronse as condicións de habitabilidade e accesibilidade da igrexa acondicionando como espazo de lectura a antiga capela dos monxes no claustro da Hospedería.

Comparte