Nova: A Xunta e Afundación levan a finais de mes a Lugo unha mostra sobre as orixes e evolución da cidade
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
19/03/2023
A Xunta e Afundación levan a finais de mes a Lugo unha mostra sobre as orixes e evolución da cidade
Lugo no tempo será a terceira das mostras que se poñen en marcha no marco do proxecto Cidades no tempo que xa contou con exposicións en Santiago e Ferrol e completará un percorrido polas sete principais urbes galegas
Cada proposta ten unha estrutura común cunha escolma de pezas diferentes, construíndo cadanseu relato sobre a identidade urbana de Galicia
Lugo, 19 de marzo de 2023 A Xunta e Afundación inauguran a finais deste mes de marzo en Lugo a que será a terceira das sete mostras que conforman o proxecto Cidades no tempo. Despois de Santiago e Ferrol, Lugo no tempo continúa co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.
A exposición explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia e integración de culturas e costumes: o campo e a cidade, a influencia galaica e a romana. Desde distintas perspectivas como son a economía, a creación artística, a estética urbanística, o entretemento e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando sempre marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e sen perder nunca a escala humana da relación entre a súa veciñanza.