Nova: Román Rodríguez gaba o labor do festival Xacobeo Clarinet Fest para consolidar o potencial musical de Lalín e do resto da comarca do Deza
01/04/2023
Román Rodríguez gaba o labor do festival Xacobeo Clarinet Fest para consolidar o potencial musical de Lalín e do resto da comarca do Deza
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación da cuarta edición que se celebrará do 14 ao 22 de xullo co apoio da Xunta
Felicitou aos impulsores por ser quen de crear unha iniciativa que destaca tanto de xeito artístico como tamén pedagóxico ao destinarse por unha banda a estudantes, clarinetistas profesionais e afeccionados, e por outra, ao público xeral. Destacou, tamén, a programación complementaria que incluirá concertos, exposicións, conferencias así como distintas clases maxistrais realizadas polos artistas convidados.
Nesta cuarta edición contarase coa presenza de recoñecidos clarinetistas de diferentes nacionalidades e directores de orquestra e pianistas. Entre outros, está prevista participación da Real Filharmonía de Galicia e o seu cuarteto Rosalía de Castro, a Banda de Lalín, o Quinteto de Corda da Sinfónica de Galicia, o Xacobeo Clarinet Fest, entre outros. Os concertos e clases maxistrais celebraranse en emprazamentos tales como a Praza da Igrexa, o Casino, o Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, o Auditorio Municipal, ou o Casino de Lalín. Os máis de 20 concertos, conferencias e exposicións serán de acceso gratuíto para o público en xeral.