Nova: A Xunta adxudica a restauración da capela da Nosa Señora da Lanzada por 110.000 €

04/04/2023

A Xunta adxudica a restauración da capela da Nosa Señora da Lanzada por 110.000 €

O obxectivo desta actuación é evitar un posible deterioro irreversible no ben e a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar

A empresa Parteluz Estudio porá en marcha os traballos nas vindeiras semanas cun prazo de execución de 5 meses e consistirán na limpeza da superficie pétrea do conxunto para consolidalo

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023 A Xunta de Galicia acaba de adxudicar a empresa Parteluz Estudio a restauración da capela da Nosa Señora de Lanzada, no concello de Sanxenxo, por 110.000€ segundo se publica no portal de contratación. Trátase dunha actuación cuxo obxectivo é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.

Para conseguilo, o proxecto que se porá en marcha nas vindeiras semanas cun prazo de execución aproximado de 5 meses inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea. En concreto, tal e como se reflicte nos pregos, consistirán na eliminación de plantas superiores, na preconsolidación de placas de pedra e limpeza mecánica da superficie, na eliminación dos morteiros deteriorados e de cemento, na desalación e no selado de gretas e fendas, entre outras tarefas. Ademais asentaranse as sopenas e a cruz da fachada principal, á que tamén se lle devolverá a verticalidade.

A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior.

Habitado desde tempos remotos

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é un templo dos séculos XII ou XIII situado na parroquia de Noalla. O lugar de emprazamento da ermida, anteriormente unha illa e a día de hoxe un istmo, está habitado desde tempos remotos, sendo testemuño diso os innumerables restos achados nas inmediacións dun antigo castro do século VIII a.C.

 

Comparte