Nova: A Cidade da Cultura celebra o Día do circo co espectáculo ‘Doppio zero’ que combina malabarismos con bicicleta acrobática e suspensión sobre mastro
10/04/2023
A Cidade da Cultura celebra o Día do circo co espectáculo ‘Doppio zero’ que combina malabarismos con bicicleta acrobática e suspensión sobre mastro
A función está protagonizada polo dúo italiano Carpa Diem, que pon en escena unha divertida, tenra e surrealista historia mentres cocen unha peza de pan
As entradas para asistir a esta función familiar o sábado 22 de abril no Museo Centro Gaiás xa están á venda a un prezo de 5€ a través de Ataquilla
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023 A Cidade da Cultura presenta un espectáculo circense familiar o sábado 22 de abril para conmemorar o Día do Circo —que se celebra o día 15— a cargo da compañía Cía. Carpa Diem, conformada por dous artistas italianos. Doppio Zero é unha función que combina diversas disciplinas como acrobacias sobre bicicleta, suspensión aérea sobre mastro, clown ou malabarismos.
Toda a actividade do espectáculo está fiada a través dunha historia que mestura diversión con tenrura e un toque de surrealismo. Os dous personaxes, Tuli e Vroni, levan ao público por unha viaxe ao longo do tempo mentres cocen unha peza de pan e len boca abaixo colgados dun mastro ou pedalean en bicicleta coas mans. Os dous representan dúas personalidades contrapostas que farán gozar a toda a familia: un perfil máis inxenuo, distraído e soñador e outro con pura enerxía, velocidade e movemento.
O dúo italiano propón con Doppio Zero un percorrido acompañado con música dos anos 50 e novas da radio, respirando as gañas de vivir dos anos de reconstrución en Italia.
A función terá lugar o sábado 22 de abril ás 17,00 horas no Museo Centro Gaiás e as entradas xa se poden mercar, a un prezo de 5€, a través de Ataquilla.com
Sobre Carpa Diem
A compañía nace do encontro de dous educadores e profesores de circo italianos. Luca Sartor e Katharina Grüner coñécense en Kenia no 2012 nun proxecto de circo social destinado á cativada da rúa. Pouco despois continúan a súa formación artística xuntos graduándose na Escola de Circo Carampa de Madrid, onde se fundou a compañía en 2015. Os dous traballan tamén no colectivo Cía. Faltan 7 que actuou na Cidade Imaxinaria da Cidade da Cultura