Nova: Nova edición do Premio de Poesía Afundación

01/04/2015

Nova edición do Premio de Poesía Afundación

Busca promover e poñer en valor a creatividade literaria en galego

Dotado con 6.000 euros, o prazo para a entrega de obras inéditas de máis de 600 versos remata o vindeiro 2 de outubro

  • Nova edición do Premio de Poesía Afundación Nova edición do Premio de Poesía Afundación, dotado con 6.000 euros

Santiago, 1 de abril de 2015.- Convócase a décimo terceira edición do Premio de Poesía Afundación, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) e o Centro PEN de Galicia co obxectivo de favorecer e difundir a creatividade literaria en lingua galega.

Ao certame poderán concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega. O prazo para presentar os orixinais remata o 2 de outubro.

O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e como presidente actuará o presidente do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública no último trimestre de 2015. As bases dos certame poden consultarse en cultura.gal.

Traxectoria do premio
Entre os gañadores do certame, que botou a andar no ano 2002, figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño e Elías Portela, gañador da anterior convocatoria coa obra 'Bazar de traidores'.
 

Comparte