Nova: A Xunta organiza unha vintena de actividades desde o mércores na Feira do Libro de Bos Aires

01/05/2023

A Xunta organiza unha vintena de actividades desde o mércores na Feira do Libro de Bos Aires

Galicia conta cun stand propio de 44 m2 con máis de 250 publicacións onde se presentarán as principais novidades das editoriais galegas ata o 15 de maio

A delegación galega está formada polos narradores Malores Villanueva, Ulises Bértolo e Arantza Portabales, o ilustrador Alberto Guitián, e o poeta Luís González Tosar

A cita da capital de Arxentina é unha das principais paradas do circuíto internacional que recibe cada ano a máis dun millón de lectores e máis de 12.000 profesionais do sector do libro durante as súas case tres semanas de duración

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2023 A Xunta de Galicia estará presente na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que celebra a súa 47ª edición ata o 15 de maio, cunha vintena de actividades e un stand propio con máis de 250 publicacións. Esta cita é unha das principais paradas do circuíto internacional para promocionar a literatura galega que recibe cada ano máis dun millón de lectores e máis de 12.000 profesionais do sector do libro durante as súas case tres semanas de duración.

Así, no marco desta feira ­-considerada un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica- a Xunta desenvolverá desde o mércores 3 e ata o 15 de maio accións para afondar na difusión da cultura e o libro na capital arxentina a través de actividades como talleres de ilustración e de conversa, obradoiros de microrrelato, lecturas ou presentacións e coloquios.

Para iso, a Bos Aires chegará unha delegación formada por profesionais do sector editorial, os narradores Malores Villanueva, unha das maiores estudosas de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023; Ulises Bértolo, académico de número na Academia Xacobea; Arantza Portabales, que acaba de ser recoñecida co Premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago; o ilustrador Alberto Guitián, colaborador de revistas de humor que imparte clases maxistrais de cómica e ilustración en Galicia e Cataluña e o poeta Luis González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia.

No predio feiral de Bos Aires está instalado un espazo promocional de 44 m2 onde se presentarán as novidades de diferentes editoriais galegas como OQO Editora, Bululú, Teófilo, Medulia, Bartlebooth ou Dos Acordes, con 250 de publicacións. Ademais das iniciativas no expositor de Galicia, a delegación galega tamén participará en actividades no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, no cemiterio de Recoleta e na Federación de Sociedades Galegas na Arxentina.

 

Comparte