Nova: Xunta e Afundación presentan o catálogo da exposición Lugo no tempo, obra de referencia para achegarse á historia e ao legado desta cidade

04/05/2023

Xunta e Afundación presentan o catálogo da exposición Lugo no tempo, obra de referencia para achegarse á historia e ao legado desta cidade

A mostra ofrece ata o 27 de maio a oportunidade de afondar na identidade da urbe a través de máis de 90 pezas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca que tanto a exposición como o catálogo permiten “redescubrir e entender mellor o que sabemos da cidade”

Lugo, 4 de maio de 2023 O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá na sede de Afundación o catálogo da exposición Lugo no tempo, publicación que completa unha mostra que percorre desde os fitos máis importantes da cidade ata acontecementos menos coñecidos que contribuíron á conformación da identidade da urbe.

Neste senso, representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Anxo M. Lorenzo, destacou que tanto a mostra como o catálogo supoñen “unha oportunidade única de redescubrir a cidade a través de pezas que nos achegan máis coñecemento ao redor da súa orixe e evolución, permitíndonos entender mellor o que sabemos de Lugo na actualidade”.

O catálogo está pensado como unha obra de referencia para achegarnos a Lugo, con textos de expertos nesta cidade en particular e na cultura urbana de Galicia en xeral. Así, conta coas achegas do comisario, Manuel Gago, e da escritora lucense Marica Campo. Tamén recolle as análises de Miguel Pazos Otón, doutor en Xeografía; Xaquín Núñez Sabarís, doutor en Filoloxía Hispánica, e Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga. Todos eles forman parte do comité científico asesor do proxecto expositivo Cidades no tempo.

Cultura e identidade de Lugo

O relato sobre a cultura e identidade de Lugo constrúese a partir de máis de 90 pezas de distinta tipoloxía como documentos históricos, obxectos simbólicos ou obras de arte, que serven de fío condutor para entender o que é hoxe a cidade. Trátase dunha exposición única que imbrica pasado e presente e relaciona materiais imprescindibles para coñecer a historia de Galicia con elementos máis propios da cultura lucense.

Ademais dos comisarios, Manuel Gago e Marica Campo, ao acto asistiron a coordinadora de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, a delegada territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Lugo no tempo, que remata o 27 de maio, é a terceira das sete mostras que conforman o proxecto Cidades no tempo, que xa pasou antes por Santiago de Compostela e Ferrol e continuará percorrido en xullo coa inauguración dunha nova exposición na Coruña.

 

Comparte