Nova: Guionistas e televisións de 16 países reúnense na Ribeira Sacra da man da Xunta
01/06/2023
Guionistas e televisións de 16 países reúnense na Ribeira Sacra da man da Xunta
O director de Industrias Culturais participa no encontro dos responsables do proxecto ‘European Writers Club’ cos creadores galegos convidados a varias das actividades que se están a celebrar no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil
Ademais, 25 profesionais do audiovisual galego asistirán o sábado á master class que impartirá na capital ourensá Antoine Le Bos, director do espazo francés Le Groupe Ouest, referente europeo no asesoramento en creación de contidos
Medio centenar de guionistas, produtores e representantes de canles de televisión de 16 países desprazáronse ata Galicia, cuarto e último destino da primeira edición deste programa internacional arredor da xeración de historias para televisión
Nogueira de Ramuín (Ourense), 1 de xuño de 2023 Medio centenar de guionistas, produtores e representantes de cadeas televisivas de 16 países asisten estes días no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra ourensá, ao cuarto e último encontro da primeira edición do European Writers Club, programa europeo liderado pola Xunta e a entidade danesa Vision Denmark. A súa estadía en Galicia está a supoñer, ademais, novas oportunidades de contactos internacionais para o noso audiovisual a través das sesións abertas á participación de profesionais galegos, promovidas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na recepción ofrecida polos responsables deste proxecto aos creadores galegos convidados a varias das actividades que están a ter lugar no mosteiro, aos que lles adiantou que Galicia volverá ser destino do European Writers Club na súa próxima edición 2023-2024.
Representación galega
Ademais de Lidia Fraga, como integrante dun dos equipos de traballo do EWC, tamén están a participar nalgunhas das sesións Alba Araújo, Raquel Arias, Pepe Coira, Manuel Darriba, Araceli Gonda e Eligio R. Montero, todos eles con recoñecida experiencia na escrita de series de ficción. Entre outras accións, tiveron a oportunidade de asistir á titoría cos responsables do TorinoFilmLab, prestixioso espazo formativo vinculado ao coñecido festival da cidade italiana e co que a Xunta tamén ten colaborado no desenvolvemento dun programa de residencias creativas.
Ademais, 25 profesionais do audiovisual galego asistirán á master class Máis aló do obvio: un novo enfoque para a concepción da historia, que impartirá este sábado pola tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense Antoine Le Bos, director artístico do Le Groupe Ouest European Film Lab. Ubicado en Bretaña (Francia), trátase dun espazo de referencia en Europa polos seus resultados a nivel internacional, asesorando máis de 200 guionistas duns 50 países cada ano e impulsando películas gañadoras de premios en Cannes, Sundance, Berlín, Venecia ou San Sebastián.
Pola súa banda, os participantes no European Writers Club manterán a súa axenda de traballo en Galicia ata o vindeiro día 5. Ao longo destas xornadas, os guionistas seleccionados están a recibir titorías individuais e grupais con escritores, produtores e responsables de contidos de 10 cadeas de televisión: TV2 de Dinamarca, France TV, ZDF de Alemaña, RTÉ de Irlanda, RTP de Portugal, SVT de Suecia, NRK de Noruega, CeskaTV da República Checa, RUB de Islandia e a plataforma Videoland, con sede en Países Baixos. Cóntase, así mesmo, cos relatorios dos prestixiosos expertos en comunicación Paul Boross, coñecido como The Pitch Doctor ou Rivca Rubin, científica do comportamento especializada na psicoloxía e a socioloxía da lingüística.
Financiamento europeo
Baixo o lema Creando historias xuntos, o European Writers Club conta cun financiamento de 1 millón de euros da Unión Europea para a execución do seu proxecto piloto a través da convocatoria Preparatory Action Writing European. Participan, ademais, outras institucións públicas e privadas de Estonia, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia e Islandia, así como a Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) por parte de España.
O programa, que celebrou os anteriores encontros en Copenhague, Tallin e Cork, está deseñado para inspirar e fomentar a colaboración entre guionistas, produtores e cadeas de televisión co obxectivo de crear series de ficción que crucen fronteiras e cheguen ás audiencias europeas e do resto do mundo. O foco é a narración audiovisual, desde o nacemento dunha idea ata a confección dunha biblia lista para a súa entrega.