Nova: A Xunta celebra o Día dos Arquivos cunha exposición no Gaiás que afonda nas orixes da actividade bancaria en Galicia con documentación do s.XIX

09/06/2023

A Xunta celebra o Día dos Arquivos cunha exposición no Gaiás que afonda nas orixes da actividade bancaria en Galicia con documentación do s.XIX

A mostra ‘De comerciantes a banqueiros. As orixes da banca en Galicia’ amosa 90 pezas entre libros de rexistros ou de préstamos, bonos, letras, comunicacións e informes

Trátase dunha escolma dos fondos que custodia o Arquivo de Galicia procedentes da Real Sociedade Económica de Amigos do País e do Banco Sáenz-Olimpio Pérez, ambos de Santiago, e da Casa de Banco e Comercio Bengoechea de Ribadeo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca que entidades coma estas “contribuíron a modificar Galicia no contexto do desenvolvemento do capitalismo mundial, quedando reflectida a súa acción nesta mostra”

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023 A Xunta presentou hoxe no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura a exposición De comerciantes a banqueiros. As orixes da banca en Galicia con motivo do Día dos Arquivos. A mostra, que poderá visitarse ata outubro, afonda no fenómeno da actividade bancaria na Comunidade nunha época de profundas transformacións políticas, económicas e sociais, destacando a forte emigración de mediados do século XIX.

A escolma recolle documentación custodiada polo propio Arquivo procedente de tres institucións: a Real Sociedade Económica de Amigos do País e o Banco Sáenz-Olimpio Pérez, ambos de Santiago, e a Casa de Banco e Comercio Bengoechea, de Ribadeo. A través de 90 pezas, entre libros de rexistros, de préstamos, bonos, comunicacións, escrituras ou informes, a mostra achéganos ao papel fundamental para sentar as bases do sistema financeiro que hoxe coñecemos que tiveron os comerciantes convertidos en banqueiros.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que presentou a mostra, fixo fincapé en que a exposición supón todo un exemplo de como “a actividade comercial e bancaria de entidades como as que protagonizan esta escolma contribuíron a modificar Galicia no contexto do desenvolvemento do capitalismo mundial”.

Financiamento de proxectos sociais

A exposición destaca a través da súa documentación fitos importantes como a participación de comerciantes e banqueiros no financiamento de proxectos sociais como foi a construción do Hospital Psquiátrico de Conxo, promovido polo Cabido compostelán. Nas vitrinas exponse a escritura datada en 1892 na que se recoñece ao Banco Sáenz-Olimpio Pérez como prestamista para as obras deste centro. Foi, ademais, esta entidade bancaria, que naceu dun negocio de cera, a que construíu o primeiro edificio levantado a propósito para ser sede dun banco en Galicia. Foi en 1886 na praza de Cervantes en Santiago. A entidade pasou a ser en 1987 o Banco Gallego.

O percorrido tamén destaca, entre a extensa actividade da Real Sociedade Ecomómica de Amigos do País de Santiago, o patrocinio da creación en 1878 da Caixa de Aforros e Monte de Piedade. Trátase dunha institución que resultou relevante no seu tempo para dar solución ás necesidades financeiras dunha maioría de poboación con niveis de renda moi baixos. Varios documentos dan conta do desenvolvemento desta entidade. Ademais, recóllese no marco dun proxecto de reforma un plano da fachada do edificio situado na Praza Salvador Parga de Santiago (1963).

Ademais desta exposición, a Xunta ten en marcha unha trintena de actividades para conmemorar o Día dos Arquivos nos cinco que xestiona que, ademais do de Galicia, son o Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Histórico Provincial de Lugo, Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra con actividades como visitas teatralizadas e xornadas de portas abertas, dúas novas exposicións, obradoiros, conferencias e propostas musicais, entre outras.

Comparte