Nova: A Xunta impulsa a visibilidade da muller na arte cunha nova edición no Bosque de Galicia do ciclo de intervencións “Reb/veladas na paisaxe”
21/06/2023
A Xunta impulsa a visibilidade da muller na arte cunha nova edición no Bosque de Galicia do ciclo de intervencións “Reb/veladas na paisaxe”
O ciclo mantén a súa aposta por reflectir a diversidade no campo creativo coa elección de tres comisarias galegas, Mercedes Rozas, Clara R. Cordeiro e Chus Villar, destacadas pola súa traxectoria no mundo da arte
As tres intervencións reflexionan sobre a incomunicación na sociedade actual, sobre o imaxinario das bruxas e a propia concepción do complexo arquitectónico do Gaiás
Participan os artistas galegos Diego Vidal e Rebeca Lar, e o navarro Alberto Odériz, premio de Arte Emerxente na Feira ARCO 2023
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, abriu hoxe un novo itinerario artístico nas zonas verdes do Gaiás, formado polas intervencións artísticas da cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Nesta ocasión son dous creadores novos galegos, Diego Vidal e Rebeca Lar, canda o navarro Alberto Odériz, os encargados de dar forma ás tres pezas escultóricas que se poderán ver ata o mes de novembro no Bosque de Galicia.
A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou esta mañá coas comisarias e artistas na apertura de Reb/veladas na paisaxe, destacando a súa aposta por levar a arte fóra das paredes dos museos e engadir un atractivo cultural á contorna natural do Gaiás. Trátase de tres pezas que aguilloan a curiosidade e convidan á reflexión a través do xogo de escalas, a reformulación de mitos e imaxinarios e a confrontación da ollada do público sobre si mesmo.
Desde os seus inicios, Reb/veladas na paisaxe busca tamén dar visibilidade á presenza da muller en todos os eidos da arte contemporánea. Unha arela que nesta cuarta edición se fai patente na escolla das tres comisarias galegas elixiron, á súa vez, as e os artistas participantes: Mercedes Rozas, que traballou con Diego Vilar; Clara R. Cordeiro, con Rebeca Lar, e Chus Villar, con Alberto Odériz. Todas elas, subliñou a representante da Fundación Cidade da Cultura, son mulleres cunha ampla e destacada traxectoria na programación e dirección de proxectos culturais.
Conectados pero incomunicados
A ruta artística comeza no Bosque de Galicia, detrás das Torres Hejduk, onde se localiza Facendo zapping, de Diego Vidal (Boqueixón, A Coruña, 1997). Formada por tres esculturas humanas, próximas pero incomunicadas entre si e do mundo que as rodea, a intervención chama a atención sobre a perda de contacto coa realidade próxima nunha sociedade hiperconectada onde os individuos corren o risco de illarse dentro das máquinas.
Partindo das ideas do filósofo surcoreano Byung-Chul Han ao redor da alienación provocada polo abuso das novas tecnoloxías, o artista galego presenta tres figuras, homes e mulleres sostendo o móbil, cos seus rostros desfigurados nun mimetismo total coa pantalla do teléfono, chegando incluso a dar as costas á vista das torres da Catedral de Santiago que se pode contemplar desde o cumio do Gaiás.
A experiencia de atravesar a montaña
Desde o lugar onde se localiza este primeiro conxunto escultórico, cara ao norte, batemos no medio do camiño entre as Torres Hejduk e o Museo coa División simple de una roca de granito de Alberto Odériz (Pamplona, 1983). O escultor e arquitecto, premio de Arte Emerxente en ARCO 2023, propón un traballo que percorre o camiño inverso trazado polo arquitecto Peter Eisenman na súa concepción da Cidade da Cultura, inspirado tamén nas esculturas de Richard Serra para o Guggenheim Bilbao.
Á procura da acción primixenia (a división da rocha natural nunha canteira), sobre o material orixinal (o granito), e trasladándoa a unha escala humana, Odériz constrúe unha peza que explora a relación entre a Cidade da Cultura e o Gaiás e introduce ás persoas visitantes na experiencia de atravesar a montaña.
Unha casa de bruxa no medio do Bosque
O percorrido de Reb/veladas na paisaxe finaliza baixando cara ao oeste, onde entre as árbores do Bosque de Galicia emerxe O caso de Palmira, de Rebeca Lar (Vigo, 1993). A galega constrúe unha nova idea da “casa da bruxa” que cuestiona a historia aceptada e a súa representación como personaxes crueis e escuras no imaxinario colectivo. A intervención propón novas lecturas das meigas como mulleres transmisoras de coñecemento, comadroas, marxinadas, independentes e tamén símbolo feminista.
Inspirada na arquitectura escandinava e coa madeira como material principal, a casa convida a fisgar polas fiestras para descubrir o obradoiro de Palmira. Teas, fíos, agullas, costura e bordado —técnicas empregadas habitualmente por Rebeca Lar nas súas pezas artísticas—, unha mesa con obxectos e ingredientes relacionados coa práctica menciñeira, así como lenzos que refiren ao tema da obra dan forma a este espazo simbólico.
Na páxina web da Cidade da Cultura pode atoparse máis información polo miúdo destas tres instalacións de Reb/veladas na paisaxe.