Nova: A Sala Ártika de Vigo ofrecerá 41 funcións de 25 compañías escénicas de setembro a decembro co apoio da Xunta

28/06/2023

A Sala Ártika de Vigo ofrecerá 41 funcións de 25 compañías escénicas de setembro a decembro co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación dunha carteleira que inclúe formacións galegas como Chévere, Vacabura, A Panadaría ou Caramuxo Teatro

O recinto vigués é un dos catro beneficiarios da liña de axudas ás salas privadas de artes escénicas á que a Consellería de Cultura destina 200.000 euros

Vigo, 28 de xuño de 2023 A Sala Ártika de Vigo ofrecerá entre os vindeiros meses de setembro e decembro 41 representacións a cargo de 25 compañías galegas e de fóra de Galicia nunha carteleira que conta co apoio da Xunta a través das subvencións ás salas de artes escénicas de titularidade privada. Esta liña de axudas distribúe este ano 200.000 euros entre catro recintos privados de exhibición de Galicia, dos que Ártika é a máxima adxudicataria ao recibir 75.000 euros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da nova programación cuadrimestral xunto a Fernanda Barrio, directora da Sala, e representantes doutras institucións patrocinadoras. Na súa intervención, Sutil puxo en valor o labor que desenvolve este espazo no que respecta a difusión escénica, captación de novos públicos e consolidación de espectadores, con iniciativas que abranguen tamén servir de sede a residencias artísticas e participar activamente en distintas producións.

O representante autonómico subliñou ademais o “imprescindible servizo” que ofrecen desde a promoción privada recintos como Sala Ártika e Teatro Ensalle en Vigo ou Teatro do Andamio e Sala Gurugú na Coruña os catro espazos que apoia a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das devanditas axudaspor difundir “unha boa representación tanto dos espectáculos producidos no país como de moitas outras propostas que chegan de fóra de Galicia”. Tamén se referiu as obras de mellora do espazo escénico de Ártika realizadas nos últimos meses, como beneficiaria tamén da liña de axudas da Xunta á modernización de infraestruturas culturais.

Da danza ao xénero infantil

A carteleira que amosará Sala Ártika no treito final deste 2023 inclúe unha ampla variedade de xéneros escénicos, así como producións destinadas a todo tipo de públicos. Montaxes de teatro, monicreques e danza sucederanse neste escenario situado na viguesa avenida de Beiramar durante as fins de semana do último cuadrimestre do ano.

O programa combinará funcións para o público xeral con outras destinadas á cativada grazas as actuacións de compañías de Galicia e doutras sete comunidades autónomas. A presenza internacional achegaraa a compañía arxentina Sutottos, que desembarcará en Vigo os días 28 e 29 de outubro coa peza Inestables

A representación do noso teatro na carteleira de Ártika virá da man de formacións como Chévere, que presentará Curva España os días 14 e 15 de outubro; A Panadaría, que amosará a súa montaxe As que limpan xa en novembro; o colectivo Vacaburra, que presentará en decembro a súa creación de danza O raro é que bailar sexa raro, ou Caramuxo Teatro, que ese mesmo mes actuará para o público familiar coa súa peza Feo!

Ademais, programaranse desde setembro nomes da escena catalá como son a Compañía Jordi Font, ou Labú Teatro, quen será precisamente a formación encargada de abrir o programa o vindeiro 24 de setembro coa súa obra Bianco. Desde Valencia chegarán grupos como OFF Compañía, Machina Teatro ou Teatre de La Caixeta, mentres que Asturias estará representada por Zigzag Danza; Madrid, por Impulso Teatral ou Provisional Danza, e Andalucía, por Sala Cero Teatro.

 

Dúas formacións aragonesas, Teatro Arbolé e Títeres sin cabeza, encargaranse de achegar xunto á galega Migallas Teatro o xénero dos monicreques ao público de Ártika, cuxa oferta para o final de ano inclúe a celebración do IX Festival Pequeártiko de Nadal. A carteleira complétase coa chamada Programación OFF, serie de tres espectáculos que se representarán desde o ambigú: Anacos, de Ítaca Teatro; Marcho que teño que marchar, de Bea Campos, e Narracións imprevistas Literatura repentina, de Santi Prego e Jorge de Arcos.

Comparte