Nova: A Xunta estrea unha nova liña de axudas para publicar audiolibros e libros de lectura fácil co fin de facilitar o acceso universal á cultura

02/07/2023

A Xunta estrea unha nova liña de axudas para publicar audiolibros e libros de lectura fácil co fin de facilitar o acceso universal á cultura

A Consellería de Cultura publica a convocatoria para que as empresas do sector editorial poidan abrir novas vías de negocio e ampliar públicos

As subvencións alíñanse directamente cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que se atopa nas últimas fases de tramitación
 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2023 No seu compromiso por facilitar o acceso universal á cultura, a Xunta de Galicia estrea unha nova liña de axudas para editar audiolibros e libros de lectura fácil en galego. A medida enmárcase no Plan de impulso do libro galego que inclúe medidas para afianzar o apoio ao sector e abrir oportunidades de negocio para os seus profesionais.

Alíñase, ademais, cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que se atopa nos últimos trámites antes da súa remisión ao Parlamento. Con elas, a Xunta busca establecer un marco normativo que garanta a participación e acceso á cultura a todo tipo de persoas e colectivos sociais, independentemente da súa condición, idade, situación socioeconómica ou lugar no que vivan.

A nova liña de axudas vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) cun investimento de 150.000 euros para impulsar a produción editorial nestes novos formatos. Á hora de poñela en marcha, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten en conta, por unha banda, que o mercado dos audiolibros se atopa nunha tendencia alcista nos últimos anos e detéctase unha necesidade de ampliar a oferta de audiolibros en galego, polo que se considera primordial incentivar a súa produción para, entre outras vantaxes, favorecer a dixitalización da cultura galega.

Requisitos e formatos

Así, como se explica nas bases, os audiolibros obxecto de subvención deberán ter como orixe unha obra publicada previamente en galego nos últimos cinco anos ou en calquera outro idioma que, no seu caso, se traducise á lingua galega. Deberán editarse para a súa comercialización a través de plataformas de distribución dixital e realizaranse mediante a utilización de voz humana real.

Outro ámbito no que se detectou a necesidade de incrementar o apoio á produción editorial en galego é a lectura accesible a través da lectura fácil, unha metodoloxía que recolle unha serie de pautas e recomendacións para facer accesible a información a persoas con dificultades de comprensión lectora, tendo en conta o contido, a linguaxe, as ilustracións, a maquetación e o deseño gráfico.

Os libros en lectura fácil obxecto de subvención deberán estar editados en galego ou calquera outro idioma que, no seu caso, se traducirá á lingua galega, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital. Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego, durante os últimos cinco anos e da que non exista adaptación en lectura fácil no mercado. Tamén poderán ser traducións ao galego de obras publicadas noutro idioma e que xa estean adaptados en lectura fácil.

Prazos de solicitude

O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 28 de xullo deste ano inclusive. Os proxectos subvencionados deberán estar rematados e postos no mercado antes do 31 de outubro de 2024.

As publicacións de lectura fácil editadas a través das axudas empregarán o logo internacional de Lectura Fácil como selo de calidade, que garante o seguimento das directrices internacionais de lectura fácil, e polo tanto, acredita a validación das obras adaptadas. Estas obras tamén se dedicarán a venda a través do mercado do libro e, no seu caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.

Comparte