Nova: A Xunta reforza a programación de verán no parque arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro en apoio á Capital do Turismo Rural 2023

05/07/2023

A Xunta reforza a programación de verán no parque arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro en apoio á Capital do Turismo Rural 2023

A Consellería de Cultura impulsa as súas actividades con propostas que cheguen a máis públicos e consolidar a súa imaxe como destino de turismo rural

A xira de Carlos Núñez recalará no parque o 9 de xullo, celebrarase o Festival da Arte Rupestre e, como novidade, haberá propostas de ioga ao carón dos petróglifos

Forma parte da programación con máis de 2.500 propostas que ten en marcha o Goberno autonómico estes meses no marco da campaña CulturON

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023 A programación de verán do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro refórzase este ano con propostas para chegar a máis públicos e consolidar a súa imaxe como capital do turismo rural 2023. No marco da campaña CulturON da Xunta nestes meses estivais cunha programación de máis de 2.500 propostas por toda Galicia, a oferta de Campo Lameiro incluirá actividades diarias especiais para público familiar como obradoiros e visitas guiadas, así como sesións de ioga ao carón dos petróflifos ou un concerto da xira de Carlos Núñez.

Este ano o Parque Arqueolóxico deseñou unha programación especial que pretende axudar a consolidar a imaxe de Campo Lameiro como un destino de referencia no ámbito do turismo rural, seguindo os pasos das outras localidades gañadoras do título de Capital do Turismo Rural 2023 de Escapada Rural como Cazorla ou Potes.

No caso de Campo Lameiro, para acadar esta distinción valorouse a súa condición de ser unha das tres capitais de arte rupestre ao aire libre en Europa, por iso a programación xirará en torno a este aspecto. Búscase cubrir todas as franxas de idade e intereses, chegando principalmente ao público familiar e aquelas persoas interesadas en experiencias relacionadas co turismo cultural, o que inclúe, ademais, eventos destacados como o concerto de Carlos Núñez ou o Festival de Arte Rupestre Laeros.

Visitas familiares

Neste sentido, as familias atoparán unha serie de actividades de martes a sábado con renovados obradoiros de arqueoloxía experimental ás 11,15 horas, como Ídolos ou Pintura ou Combo Rupestre, cunha visita guiada familiar e interactiva ás 12,30 horas. Pola tarde, ás 16,30 horas, prográmanse scapes room familiares polo interior do Centro de Interpretación. Os máis novos recibirán un premio especial por participar e entrarán no sorteo dunha cesta de produtos da tenda.

O público xeral gozará de varias visitas guiadas de martes a domingo (ás 12,30, ás 18,00 e ás 19,30 horas) e terá a ocasión de experimentar como son os petroglifos pola noite, baixo o sistema especial de luces LED da área arqueolóxica, coa actividade de Noitepedras de lendas, que alcanza a súa oitava edición.

Como novidade, ofrécense tamén dúas novas propostas, Ioga entre petróglifos todos os sábados ás 11,00 horas, e Baños de Bosque, que se celebrarán o 21 de xullo e o 24 de agosto, ambas vinculadas co ioga. Por último, entre os eventos máis destacados do verán incluirase o concerto de Carlos Núñez, o 9 de xullo, dentro da súa xira de Lugares Máxicos e a segunda edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia coñecido pola denominación de Laeros, un evento para vivir a historia con diversas actividades relacionadas coa música, a arqueoloxía experimental e a gastronomía.

O horario de acceso ao parque no verán é de 11,00 ata as 21,00 horas. Reservas na páxina web do parque ou no teléfono 886151195.

Comparte