Nova: A Xunta destina 300.000 euros á posta en marcha da fase inicial de novos proxectos audiovisuais galegos

21/07/2023

A Xunta destina 300.000 euros á posta en marcha da fase inicial de novos proxectos audiovisuais galegos

  • A liña de subvencións oriéntase á impulsar os traballos de preprodución de filmes e series para cinema e televisión cara á súa rodaxe nos vindeiros anos
  • Establécense catro categorías de axuda e diferentes cantidades económicas máximas segundo o tipo de produto

A Xunta aproba a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos cunha dotación de 300.000 euros destinada a diferentes traballos a cargo de produtoras independentes que teñen lugar na fase de preprodución de películas e series para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda, cara á súa produción e rodaxe nos vindeiros anos.

En concreto, estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, inciden en labores previos relacionados co guión, dereitos de autor ou propiedade intelectual, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materiais de promoción, gastos de asesoría ou consultaría, alugueiro de espazos de traballo e outros que teñan lugar na fase anterior á filmación.

Os obxectivos que persegue a súa posta en marcha entroncan cos eixes de actuación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver no marco do Plan Xeración Cultura 2023, a folla de ruta de 34M€ para acompañar ao sector cultural da man do impulso ao talento e á creatividade, innovación, dixitalización e modernización e proxección exterior, internacionalización e formación.

 

Con estas axudas, acompáñase economicamente as empresas galegas do sector xa desde a fase inicial de preparación dos seus novos proxectos, que nos anos seguintes poderán optar así mesmo ás subvencións autonómicas para produción e coprodución audiovisual e para a súa difusión en foros de negocio e festivais.

As bases da convocatoria, que serán proximamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, establecen catro categorías: proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación ou documentais de carácter creativo cunha duración mínima de 60 minutos, de series de ficción previstos para ter unha duración total mínima de 150 minutos; e de series de animación e documentais, cando menos nestes dous casos con 100 minutos de duración. Cada empresa solicitante pode resultar beneficiaria con ata 30.000 euros no caso das longametraxes e series de ficción ou de animación, ata 25.000 nas longas de ficción, ata 20.000 na series documentais e ata 15.000 nas longametraxes documentais.

A liña de axuda sitúase no apoio do Goberno galego á creación de contidos audiovisuais de calidade e a consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e darlle rendibilidade social e económica á cultura galega.

Comparte