Nova: As feiras do libro pechan este ano cun 5% máis de vendas e máis de 18.000 participantes en 1.000 actividades
03/09/2023
As feiras do libro pechan este ano cun 5% máis de vendas e máis de 18.000 participantes en 1.000 actividades
A cita, impulsada pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías, percorreu 14 concellos galegos coa participación de 102 librarías, 16 editoriais e 13 institucións
Intensificouse a programación paralela, con 641 sinaturas de libros, 81 máis que o ano anterior, e 294 accións máis, entre obradoiros e actividades para público infantil
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebra as boas cifras e valora as feiras como un dos eventos culturais máis importantes polo volume de participantes
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2023
O circuíto das de feiras do Libro impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías para apoiar a actividade do sector pechou a edición deste ano cun incremento dun 5% nas vendas e máis de 18.000 participantes nas preto de 1.000 actividades organizadas.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebra estas cifras, nas que “o incremento na venda de publicacións e o aumento da participación nas actividades dá plenamente resposta aos obxectivos do Plan de impulso ao libro galego para crear e fidelizar lectores a través de iniciativas como esta”. Cualifica estas iniciativas como “un dos eventos culturais máis importantes cada ano, polo volume de participantes” e alude ao seu papel para reforzar o sector do libro como industria cultural relevante.
En cifras, o circuíto percorreu desde o pasado mes de abril 14 localidades galegas e contou coa participación de 102 librarías, 16 editoriais e 13 institucións. Intensificouse o número de actividades. Neste sentido, celebráronse un total de 641 sinaturas de libros, 81 máis que na edición anterior. Nelas participaron 7.850 persoas, 1.749 máis que o ano pasado. Tamén se organizaron preto de 300 actividades paralelas, entre obradoiros e iniciativas para o público máis novo, cunha participación de 8.615 persoas. Ademais, segundo os datos que manexa a Federación de Libreiros de Galicia, o 90% das librarías participantes apuntan a unhas vendas un 5% por riba dos datos do ano pasado.
O circuíto de feiras, conta co apoio económico de 150.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Fixo parada este ano por Ferrol, Santiago de Compostela, O Porriño, Lugo, Vilalba, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Foi unha das máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través del CulturON.