Nova: O Salón Teatro acollerá dúas estreas escénicas e un encontro do proxecto Phone nunha carteleira con 17 eventos ata final de ano
18/09/2023
O Salón Teatro acollerá dúas estreas escénicas e un encontro do proxecto Phone nunha carteleira con 17 eventos ata final de ano
As coproducións do Centro Dramático Galego ‘Run Baby Run’ e ‘Bailar no ceo’ terán as súas primeiras representacións en outubro
O escenario dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebra esta semana un encontro con estruturas teatrais de sete países arredor do lema ‘Dándolles ás linguas minorizadas unha voz’
O espazo compostelán recibirá programación do festival Maré, do ciclo Ateneo Barroco, da aceleradora musical ‘Sonemerxente’, de Cineuropa, e a nova montaxe de Redrum Teatro, entre outras citas culturais de distintos xéneros
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023
O Salón Teatro converterase un outono máis nun dos epicentros culturais da capital de Galicia ao ofrecer no último cuadrimestre do ano unha carteleira que inclúe 17 eventos, entre os que se atopan as estreas teatrais de Run Baby Run e de Baiar no ceo, festivais, proxeccións e encontros internacionais. A sede do Centro Dramático Galego abriu a programación de setembro a semana pasada co XXII Festival Agustín Magán de Teatro Amador e continuará coa súa axenda entre os días 21 e 24 da man cun encontro teatral internacional no marco do proxecto europeo Phone, así como dúas citas do festival Maré nas tardes deste venres e mais do sábado.
O proxecto Phone, baixo o título Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, celebrará unha serie de xuntanzas entre representantes do Centro Dramático Galego e institucións teatrais vinculadas a linguas minorizadas en Europa. Participarán así o Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Romanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr PIba (Bretaña / Francia) e Kvääniteatteri (Noruega).
Ao abeiro deste programa de intercambio europeo desenvolverase a nova produción do Centro Dramático Galego, produción coa que a Xunta celebrará o 40º aniversario da súa unidade teatral. Serán días de debate, enriquecemento e conexións entre directores de sete países. Galicia estará representada por Tamara Canosa, directora da futura montaxe da compañía da Xunta.
A música tamén terá cabida no Salón Teatro ao longo do outono. Xa esta semana celebraranse dúas citas do Festival Maré, evento que conta co apoio da Xunta a través das axudas aos festivais de música e de Turismo de Galicia. As actuacións correrán a cargo de Molimo e Marina Oural o venres e a proxección do documental Kepa Junkera Berpiztu (Renacer), peza de Fermín Aio sobre a enfermidade e recuperación do instrumentista vasco o sábado
Novidades teatrais
O Salón Teatro acollerá nos próximos meses varias novidades no eido teatral. Destaca a estrea de Run Baby Run, coprodución do Centro Dramático Galego xunto ao Teatro Español de Madrid, Meninas Teatro e Proversus. A montaxe, escrita por Fátima Delgado e dirixida por Jana Pacheco, estrearase os días 6, 7 e 8 de outubro. Trátase dunha reflexión sobre a discriminación de xénero no ámbito dos deportes.
Outra novidade que chegará á sede da unidade teatral da Xunta será Bailar o ceo, proxecto de Ana Abad de Larriva gañador da Bolsa de Dramaturxia na edición de 2022-2023. Xerpo Cultural é a compañía encargada de levala a escena baixo a dirección de Alejandro Sobrino. Poderase ver o 29 de outubro.
Redrum Teatro chegará ao Salón Teatro uns días antes, o 26 e 27 de outubro coa súa nova obra, O pequeno Poni. Dirixida por Alex Sampayo, na peza adáptase un texto de Paco Bezerra. Na montaxe reflexiónase ao redor da homofobia e mais o acoso escolar.
No eido do teatro non profesional, o recinto do Centro Dramático Galego recibirá o 21 de outubro a histórica Teatro Airiños, que representará As vellas non deben de namorarse e presentará o libro Airiños.90 Anos de Teatro do Pobo.
Xa en decembro, o día 4, estrearase no escenario da rúa Nova a nova produción deste curso da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, dirixida por Roberto Salgueiro. En novembro, Xuventude Crea, certame artístico convocado pola Conselleria de Política Social e Xuventude, celebrará a súa fase final nos campos das artes escénicas no Salón Teatro entre os días 3 e 5.
Música, circo e cinema
No apartado musical, a programación contempla acoller o 16 e o 25 de outubro dúas sesións do Festival Ateneo Barroco, cuxa primeira cita se centrará nas cantatas de Haendel. O día 20 de outubro chegará a quenda de Sonemerxente, a aceleradora de proxectos musicais que a Xunta puxo en marcha coa Fundación Paideia para impulsar a carreira de artistas e bandas galegas con proxección de futuro. Ás 18,00 h. celebrarase un concerto final cos artistas integrantes deste proxecto.
Un ano máis, novembro será o mes en Santiago de Compostela do cinema da man do festival Cineuropa, que organiza o Concello. O Salón Teatro será unha das sedes das proxeccións entre os días 6 e 26. Xusto ao rematar a carteleira cinematográfica, á sede do Centro Dramático Galego chegará a residencia artística de An Taibhdhearc, o Teatro Nacional en Lingua Irlandesa, que presentará en coprodución coa unidade teatral da Xunta Vai e ven. Teacht Agust Imeacht entre o 27 de novembro e o 3 de decembro.
Por último, entre o 29 de novembro e o 1 de decembro o protagonismo recaerá no Encontro D10!, ciclo de actuacións de novo circo no que participarán formacións como Cía. 104º, Cía. Gandini JUggling e Celia Marcé Oller.