Nova: A Xunta promove a escena de Galicia na feira Mercartes de Valladolid canda a unha decena de produtoras e distribuidoras de espectáculos

09/11/2023

A Xunta promove a escena de Galicia na feira Mercartes de Valladolid canda a unha decena de produtoras e distribuidoras de espectáculos

O expositor ‘Galicia en escena’ centraliza a actividade comercial e de difusión dos espectáculos galegos nun dos principais mercados do sector a nivel estatal

Integran a delegación Amarelo, ButacaZero, Contraproducións, Crémilo, Culturactiva, Ibuprofeno Teatro, Kandengue Arts, Marta Alonso Tejada, Sarabela Teatro, Pistacatro e a asociación empresarial Escena Galega

Valladolid, 9 de novembro de 2023

Valladolid acolle esta semana a décima edición de Mercartes, o mercado de referencia para as artes escénicas a nivel estatal, onde a Xunta conta cun expositor para darlles apoio promocional e loxístico aos representantes da decena de empresas produtoras e distribuidoras galegas acreditadas na feira. Baixo o título Galicia en escena, este espazo centraliza a actividade comercial e de difusión dos espectáculos que levan no seu catálogo Amarelo Distribución Escénica, ButacaZero, Contraproducións, Crémilo Proxectos Culturais e Distribución, Culturactiva, Ibuprofeno Teatro, Kandengue Arts, Marta Alonso Tejada, Sarabela Teatro e Piscatro Produtora de Soños.

Tamén integran a delegación da nosa Comunidade o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, en representación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e a asociación empresarial Escena Galega.

Galicia vén contado con espazo propio nesta cita bienal desde 2016 co obxectivo de dar conta do dinamismo e variedade de propostas que conforman o noso actual panorama escénico. Con esta mesma finalidade, ponse a disposición das empresas e compañías galegas inscritas o expositor Galicia en escena como epicentro para difundir as súas últimas producións e impulsar a presenza nos escenarios de toda España do teatro, a danza e o novo circo feitos na nosa Comunidade.

Catálogo de danza

Desde este mesmo espazo, a Xunta tamén está a difundir o seu catálogo dixital Danza Galicia co fin de contribuír a unha maior visibilidade dos espectáculos coreográficos producidos na nosa Comunidade. Esta primeira edición da publicación reúne información sobre 82 propostas de 36 compañías profesionais.

Ademais, Galicia en escena acolleu onte un acto promocional das artes escénicas, ao que estiveron convidados os axentes culturais acreditados este ano e procedentes de diferentes puntos da Península, así como de Arxentina, Grecia e Italia.

Plan Xeración Cultura

Do mesmo xeito que o apoio ás cinco compañías galegas que viaxaron recentemente a Colombia para actuar nos festivais de Manizales e Comfama San Ignacio de Medellín, a colaboración da Xunta coa delegación presente en Valladolid insírese no programa de proxección exterior das nosas artes escénicas que a Consellería de Cultura está a desenvolver a través do Xeración Cultura.

Nesta mesma liña de traballo, sitúanse a convocatoria anual de subvencións á distribución de espectáculos e a dinámica de internacionalización emprendida polo Centro Dramático Galego, que se estende a 13 países a través da implicación da compañía pública en dous proxectos europeos e noutros programas de intercambio, ademais da organización de xiras e a presenza en festivais con producións propias e coproducións.

Comparte