Nova: A Xunta realiza os primeiros traballos de limpeza arqueolóxica e documentación na Illa de Tambo

21/12/2023

A Xunta realiza os primeiros traballos de limpeza arqueolóxica e documentación na Illa de Tambo

A primeira intervención posibilita a constatación íntegra en planta da capela e a existencia de máis dependencias asociadas á mesma

Poio (Pontevedra), 21 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia está ultimando os primeiros traballos de limpeza arqueolóxica na Illa de Tambo. A pasada semana, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración co Concello de Poio e a asociación Irmandade Illa de Tambo, iniciaba esta intervención para documentar unha área representativa do castro existente no lugar.

Os traballos de control arqueolóxico e roza manual no Castro da Illa de Tambo, adxudicados á empresa Tempos Arqueólogos S.L. por un custo total de 5.578 euros e dirixidos polo arqueólogo Francisco Alonso, buscan coñecer e poñer en valor o pasado deste xacemento a través da roza e corta de vexetación da chaira situada no Alto de San Fagundo, que se corresponde coa parte alta do xacemento.

A través dos traballos executados púidose constatar no interior do xacemento unha capela e a existencia de máis dependencias asociadas á mesma, con grandes estruturas constituídas por muros de cachotería en seco de gran tamaño. Aínda que, polo momento, se descoñece a cronoloxía exacta dos achados, todo apunta a que se poden adscribir desde a época medieval en adiante. Unha conclusión á que se chega debido á disposición leste-oeste da estrutura principal e a presenza de dovelas nas inmediacións, o que fai pensar nunha capela ou igrexa con varias estancias asociadas.

Continuidade no tempo

A presenza de dovelas reutilizadas no muros, podería indicar o reemprego ao longo do tempo desta zona superior do castro como lugar simbólico de culto, dado o seu dominio visual de 360 grados sobre toda a ría de Pontevedra. 

Ademais, a carón das estruturas localízanse gravuras en pedra, as cales correspóndense coa división das partes da illa executada en tempos de Montero Ríos. Tamén foron constatados os parapetos defensivos do Castro da Illa de Tambo, así como varias terrazas habitacionais, onde poderían conservarse estruturas relacionadas co castro.

Comparte