Nova: Román Rodríguez loa a traxectoria da fotógrafa Mary Quintero e “a súa pegada na nosa historia colectiva”

17/01/2024

Román Rodríguez loa a traxectoria da fotógrafa Mary Quintero e “a súa pegada na nosa historia colectiva”

O conselleiro presenta o catálogo da exposición ‘A imaxinación no interior dun estudio: o fondo Mary Quintero’, que se despide o venres no Museo do Mar

Os seus traballos fan posible coñecer o espírito vigués e ás persoas que contribuíron a construír a cidade en todas as súas vertentes

Vigo, 17 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do catálogo da mostra A imaxinación no interior dun estudio: o fondo Mary Quintero, unha exposición que se despide este venres no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. “Para os que non se poidan achegar a coñecer este traballo lanzamos o catálogo, co que descubrir máis sobre a fonda pegada de Mary Quintero na fotografía, pois é tamén unha parte da nosa historia colectiva”, afirmou Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora do Museo do Mar, Marta Lucio.

Esta colección, que pertence ao fondo de Mary Quintero do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, conta con 50 fotografías e negativos asociados, así como con fotos e planos sobre o edificio pontevedrés do arquivo e da xestión documental que realiza nos seus fondos, “un traballo moi importante no que se pon de manifesto o inxente proceso arquivístico de descrición, conservación e difusión que realiza o persoal do arquivo”, salientou o titular de Cultura da Xunta. “Un labor que continuaremos desenvolvendo para avanzar na investigación e divulgación que permita coñecer máis sobre o marcado labor da fotógrafa galega e a súa influencia nesta arte”, engadiu.

Mary Quintero (Melide, 1931) legou a súa inxente produción fotográfica ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra en maio de 2022: os que compoñen unha escolma cronolóxica que recolle os traballos da fotógrafa desde os seus inicios ata o seu paso pola publicidade, os retratos de persoeiros ou instantáneas de espectáculos, “unha oportunidade para ver ata que punto Mary Quintero soubo retratar os cambios na sociedade e os xeitos de vela”, puntualizou Román Rodríguez.

Unha muller pioneira

A artista “escribiu un dos máis importantes capítulos da historia da fotografía galega”, afirmou o conselleiro de Cultura, quen definiu a Mary Quintero como pioneira: foi a única muller da industria fotográfica en congresos durante moito tempo, ademais de ser a primeira en incorporar ao seu traballo técnicas de luz, de imaxe, de cor e de construcións visuais que logo emularían outros fotógrafos coetáneos.

Os seus traballos fan, principalmente, un achegamento á sociedade viguesa para entender o espírito desta urbe e ás persoas que contribuíron a construír a cidade do olivo en todas as súas vertentes.

Xubilada desde o 2022, a fotógrafa de Melide foi evolucionando a medida que así o esixían os cambios na moda e nos gustos do segmento da sociedade para a que traballaba, unha clientela conformada por familias urbanas. Coa chegada da cor ás imaxes, mantívose fiel ás súas habilidades técnicas, dominio da composición e do retoque, xogando coa cor en retratos de nenos e mozos, sen descartar retratos de grupos musicais, compañías de teatro, de danza, portadas de libros e ata persoeiros da vida social, económica e política.  

Comparte