Nova: A Xunta convida a vivir o primeiro entroido tras a súa declaración BIC como mostra da Galicia máis xenuína

26/01/2024

A Xunta convida a vivir o primeiro entroido tras a súa declaración BIC como mostra da Galicia máis xenuína

O director xeral de Cultural participa na presentación promovida por Turismo de Galicia xunto a representantes de varios entroidos de interese turístico

O DOG publicou onte a resolución pola que se incoa o procedemento para esta declaración na categoría de patrimonio inmaterial

 

Madrid, 26 de xaneiro de 2024 A Xunta de Galicia levou ata a Feira Internacional de Turismo (FITUR) o Entroido galego, cunha presentación na que participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e representantes de varios entroidos de interese turístico.  

Unha cita na que o Goberno autonómico puxo en valor esta celebración tan arraigada á identidade galega e convidou a aqueles que non coñecen os diversos e variados entroidos a descubrir as súas tradicións e riqueza cultural, coincidindo co inicio dos festexos nalgunhas localidades galegas. “Este será o primeiro Entroido que se celebre tras o inicio dos trámites para declarar Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial ao Entroido”, anotou Anxo M. Lorenzo durante a exposición.

Trátase, como se puxo de manifesto durante a presentación, dun elemento central no patrimonio inmaterial de todos os galegos, unha das súas celebracións máis xenuínas e algo imprescindible para comprender e definir a identidade de Galicia.

Coa publicación esta semana no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se incoa o procedemento para declaralo BIC, o Entroido galego xa goza da máxima protección. Así, as medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial compromete ás Administracións públicas a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

Durante a presentación en Fitur, estiveron representados algúns entroidos galegos co recoñecemento de interese turístico como o Entroido de Cobres, coas madamas e galáns; o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda, coas mázcaras; o Enterro da Sardiña de Marín; os Xenerais da Ulla; o Entroido de Viana do Bolo, cos boteiros; o entroido de Vilariño de Conso, e o Entroido de Xinzo de Limia.

Comparte