Nova: A Xunta convoca a principal liña de apoio ao audiovisual galego con 2,5 m€ para produción de novos filmes e series

29/01/2024

A Xunta convoca a principal liña de apoio ao audiovisual galego con 2,5 m€ para produción de novos filmes e series

As bases publicadas no Diario Oficial de Galicia contemplan ata 13 tipoloxías de proxectos que poden optar ás subvencións, segundo a súa metraxe, xénero ou canle preferente de difusión

Trátase da principal liña de fomento do sector e forma parte do programa global co que se acompañan empresas e cineastas desde a creación á comercialización

 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria de subvencións a proxectos de produción e coprodución audiovisual de 2024, para as que a Xunta consolida unha dotación de 2,5 millóns de euros como principal liña de investimento directo no sector.

Estas axudas, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, contribúen a acadar produtos de calidade con proxección interior e exterior, e forman parte do programa integral e continuado de apoio polo que se dota de financiamento ás empresas en todo o proceso audiovisual: promoción do talento na creación, preprodución, produción, difusión e comercialización.

As bases das subvencións a producións e coproducións audiovisuais diríxense especificamente a produtoras audiovisuais independentes para catro categorías e 13 submodalidades de proxectos segundo os traballos sexan longametraxes cinematográficas de ficción, documentais ou de animación; longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes, ou películas e series para seren emitidas por televisión ou plataformas.

A ampla tipoloxía de formatos que poden optar a este financiamento permite manter un equilibrio para resultar accesible a todas aquelas empresas que acrediten un ano de antigüidade sen interrupcións na actividade, dándolles cabida tanto a propostas máis ambiciosas respecto ao seu deseño de produción e orzamento como a outras de menor envergadura, pero de gran interese artístico e cultural.

Os criterios de selección dos proxectos subvencionados están moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, pero tendo en conta ao mesmo tempo a calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional.

As produtoras interesadas teñen de prazo desde mañá e ata o 29 de febreiro para presentar as súas propostas a esta convocatoria, que se resolverá por concorrencia competitiva.

Comparte