Nova: Román Rodríguez anuncia o Premio de Honra dos Mestre Mateo do audiovisual galego para Eva Veiga

13/02/2024

Román Rodríguez anuncia o Premio de Honra dos Mestre Mateo do audiovisual galego para Eva Veiga

Destaca a súa traxectoria como xornalista e pioneira da divulgación cultural na televisión autonómica, ademais de como poeta cunha prolífica obra

Recibirá este recoñecemento o 23 de marzo na gala da 22ª edición destes galardóns, organizados pola Academia Galega do Audiovisual co apoio económico da Xunta

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe a concesión á xornalista, poeta e actriz Eva Veiga do Premio de Honra Fernando Rey, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual no marco da organización dos seus Premios Mestre Mateo. Fíxoo nun acto na Cidade da Cultura de Galicia no que se destacou a traxectoria da galardoada como pioneira da divulgación cultural nos inicios de Televisión de Galicia, ademais de como escritora e, máis recentemente, como intérprete.

En todos estes ámbitos, a galardoada amosou sempre o seu compromiso co sector e foi quen de traducir as particularidades da nosa identidade e de lles dar voz a creadores de todo signo para xerar unha rede cada vez maior e máis heteroxénea.

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia, e a actriz e directora Carmen Méndez, integrante da xunta directiva, tamén participaron neste acto, no que o responsable de Cultura do Goberno galego subliñou a relevancia dos Mestre Mateo como plataforma inmellorable para a proxección social do gran labor que desenvolven os profesionais do audiovisual galego.

Éxitos do audiovisual galego

Neste sentido, referiuse aos múltiples éxitos que o cinema galego vén acadando en citas de referencia dentro e fóra de España e, en concreto, aos recentes premios Goya para Janet Novás como mellor actriz revelación polo seu papel en O corno, e para To Bird or not to Bird, premio á mellor curta de animación, cos galegos Martín Romero na dirección e Chelo Loureiro na produción.

A Academia Galega do Audiovisual acordou homenaxear este ano a Eva Veiga co Premio Fernando Rey como exemplo de “profesionalidade, creatividade e resiliencia”, por formar parte desa xeración que fixo posible “unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos” e pola súa traxectoria vital, “que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e do noso audiovisual”.

Nada en Pontedeume en 1961, foi unha das xornalistas que participou na primeira emisión da Televisión de Galicia no ano 1985, ademais de presentar, xunto con Mon Santiso, o primeiro programa informativo da canle pública. Nela desenvolveu unha intensa carreira profesional vinculada a programas culturais, nos que tivo a ocasión de entrevistar figuras como José Saramago, Eugenio Granell, Leopoldo Novoa, Ramón Villares, Marina Mayoral, Manuel Colmeiro ou Xosé Neira Vilas. Dirixiu e presentou Galicia no tempo, primeira gran serie documental producida e realizada pola TVG, sobre a historia da arte na nosa Comunidade.

Autora dunha inxente obra poética, resultou galardoada cos premios Fiz Vergara Vilariño, AELG, Premio da Crítica de poesía galega ou Antón Losada Diéguez, entre outros.

Como actriz, aparece nas longametraxes A cicatriz branca e Nación, de Margarita Ledo, xunto a quen guioniza o seu próximo filme, Prefiro condenarme.

 

Comparte