Nova: A Cidade da Cultura dá a benvida a primavera cunha intervención paisaxística nas Torres Hejduk que reivindica o valor dos bosques galegos para a vida
22/03/2024
A Cidade da Cultura dá a benvida a primavera cunha intervención paisaxística nas Torres Hejduk que reivindica o valor dos bosques galegos para a vida
‘Da semente á árbore’ é un proxecto da enxeñeira técnica agrícola Mónica Rodríguez Parcero, que poboa o espazo con varias especies atlánticas e mediterráneas
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca a importancia deste tipo de instalacións que “lle dan vida a un espazo tan singular como o das torres e que nos conecta coa contorna natural que envolve ao Gaiás”
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura Da semente á ábore. Un ben para a nosa vida, unha intervención paisaxística creada pola enxeñeira técnica agrícola Mónica Rodríguez Parcero. Coincidindo co arranque da primavera, este espazo do Gaiás recupera así temporalmente o seu uso orixinal como torres botánicas, convidando ao público a mergullarse nas especies que poboan os bosques galegos.
Deste xeito, a torre de cristal utilízase a modo de invernadoiro, onde se recrean dous tipos de bosques galegos — atlántico e mediterráneo —, e a torre opaca como aula, onde se expoñen froitos, sementes e produtos finais obtidos da árbore.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Anxo Lorenzo, destacou no acto de apertura o importante que son “estas instalacións que lle dan vida a un espazo tan singular como as Torres Hejduk e que nos devolven á súa primeira razón de ser, ademais de conectarnos directamente cunha parte moi importante do Gaiás, que é a propia contorna natural e paisaxística que o envolve”. O director xeral recordou, ademais, “a capacidade dos creadores e creadoras para reinterpretar ao seu xeito persoal os espazos das torres”.
Un percorrido polo ciclo forestal
A intervención pretende destacar a importancia dos bosques e do monte e a súa multifuncionalidade, tendo como principal protagonistas as árbores. Ademais de ser o elemento principal deste ecosistema, onde conviven unha gran diversidade de especies animais e vexetais, a proposta tamén mostra as árbores como parte do monte xunto con outras especies arbustivas, de matogueira e herbáceas.
A experiencia convídanos a mergullarnos no ciclo forestal que vai dende a semente aos beneficios finais das árbores para a nosa vida: contribución á mitigación do cambio climático, protección do chan, conservación dos recursos hídricos ou fonte de recursos naturais e materias primas, ademais dunha función paisaxística, social, cultural e de lecer.
O proxecto segue o camiño das anteriores intervencións realizadas nas Torres Hejduk co vencello común das paisaxes culturais, a natureza e a concienciación ambiental: Fitotario. Invernadoiro interactivo, de Macarena Montesinos Fandiño; 2 Torres, 2 Camiños, do grupo Citerea; O perpetuo tránsito cara ao presente, de Miguel Moreno Mateos; Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán; Plástico a mareas, de María José Arceo, e Betula Pendula, de Martín Toimil.
Mónica Rodríguez Parcero
Enxeñeira de montes e enxeñeira técnica agrícola pola Universidade de Santiago de Compostela, Mónica Rodríguez Parcero, traballou no sector dos viveiros e das empresas de servizos forestais e actualmente é a xefa de Área de Fomento Forestal no Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. Algunhas das súas funcións son o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución, o control da conservación das unidades xenéticas de recursos forestais ou os plans de mellora xenética de especies de interese para Galicia. Desenvolve esta intervención con Estudios Técnicos Topysa, S.L.