Nova: Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará a restauración do claustro do Convento da Mercé de Sarria nas vindeiras semanas

25/03/2024

Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará a restauración do claustro do Convento da Mercé de Sarria nas vindeiras semanas

A actuación, dotada con máis de 370.000 €, está dirixida a resolver os problemas de deterioro da tarima, así como a mellorar a instalación eléctrica e de iluminación

A previsión é que esta obra, que conta cun prazo de execución de 5 meses, estea en marcha no último trimestre do ano

O responsable autonómico de Cultura pon en valor o compromiso do Goberno galego coa salvagarda do patrimonio cultural vencellado á Ruta Xacobea

Sarria (Lugo), 25 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia licitará nas vindeiras semanas as obras de restauración do claustro do Convento da Mercé ou Mosteiro da Magdalena de Sarria. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita a este ben situado ao pé do Camiño Francés.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor o traballo do Goberno galego coa salvagarda do patrimonio cultural de toda a Comunidade, nomeadamente daquel que, coma neste caso, está vencellado á Ruta Xacobea. “Ao longo das rutas de peregrinación atopamos un rico e variado patrimonio cultural que a Administración autonómica ten a responsabilidade de manter para que sexa legado ás futuras xeracións nas mellores condicións”, afirmou.

“Na Xunta de Galicia somos conscientes do enorme valor que posúe o noso patrimonio cultural. Por iso, nos últimos anos destinamos máis de 70 M€ para coidar, preservar a manter toda esta riqueza”, sinalou Román Rodríguez antes de engadir que este compromiso continúa vixente este ano, “no que as contas destinadas á conservación dos diferentes bens medraron un 7 %”.

Programa de obras

No caso concreto de Sarria, a actuación que se porá en marcha cunha achega de máis de 370.000 €, está dirixida a resolver os problemas de deterioro da tarima, así como a mellorar a instalación eléctrica e de iluminación do ben.

Para iso, os traballos que está previsto levar a cabo comezarán na sancristía coa eliminación das humidades, a substitución da actual escaleira que une coa planta alta e o acondicionamento do espazo sobre esta como lugar expositivo e de almacén de pezas históricas.

Ademais, o proxecto tamén inclúe o picado  dos morteiros de cemento, tanto na planta baixa como na sancristía, a eliminación de elementos descontextualizados o acondicionamento do espazo sobre o refectorio para usos culturais e relixiosos mediante a renovación da iluminación e das fiestras.

Por último, na zona do patio, está previsto a renovación das carpinterías exteriores, a reforma da escaleira e a instalación dun novo sistema eléctrico e de iluminación acorde co espazo monumental.

Comparte