Nova: A Xunta destina 280.000 euros ás axudas para festivais de artes escénicas cun incremento do 30% respecto de 2023
24/04/2024
A Xunta destina 280.000 euros ás axudas para festivais de artes escénicas cun incremento do 30% respecto de 2023
Os eventos beneficiarios teñen que celebrarse entre o 1 de novembro do ano pasado e o 31 de outubro de 2024
Establécese como contía máxima a concesión de 60.000 euros por cada evento
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases da súa convocatoria de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas para este ano cunha dotación total de 280.000 euros, o que supón un incremento do 30,2% respecto de 2023. A través da Axencia Galega das Industrias Culturais, continúase así coa tendencia ascendente no apoio destes encontros, certames e mostras, organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos para o sector.
O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 25 de abril, e ata o 24 de maio. Poden optar a estas axudas persoas profesionais autónomas e empresas organizadoras de festivais, entidades locais así como asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, e as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia. A contía máxima da subvención é de 60.000 euros por proxecto, podendo alcanzar ata o 60% do orzamento subvencionable, e mesmo o 85% no caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión.
Requisitos dos solicitantes
Todos os festivais beneficiarios deben celebrarse entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro deste ano, ter realizado dúas edicións anteriores e programar un mínimo de seis compañías.
Adicionalmente, pídeselles un orzamento mínimo de contratación artística que alcance o 40% do orzamento subvencionable, dentro do que o 30% ten que destinarse a artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia, menos naqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto. Ademais, cando menos o 60% da carteleira ha de ser con acceso de pago por parte do público, excepto nos festivais de rúa.
Dinamización cultural e económica
A través desta convocatoria anual de axudas en réxime de concorrencia competitiva, o Goberno galego recoñécelles aos festivais o seu papel como dinamizadores culturais, ademais de como plataforma de exhibición da máis recente produción escénica de Galicia.
Galicia conta actualmente cun consolidado circuíto de festivais de periodicidade anual e diferenciados en canto a temática, orientación, situación xeográfica ou temporal. De feito, o pasado ano recibiron axuda por medio desta convocatoria 10 eventos de teatro, monicreques, circo e monólogos: Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Festival Galicreques de Santiago de Compostela, Titiriberia de Rianxo, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Festaclown de Vilagarcía de Arousa, Porta Máxica de Ferrol, Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón, Festival Internacional de Teatro de Ourense e festival Desfoga de Cambados.
A Xunta completou en 2023 o seu apoio a este tipo de eventos de artes escénicas mediante a súa colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e co festival Abanea de danza e artes do movemento, que se celebrou en varias localidades galegas.