Nova: O Museo de Belas Artes da Coruña amosa 100 obras de importantes artistas galegos do século XX, doadas por particulares nestes últimos oito anos

30/05/2024

O Museo de Belas Artes da Coruña amosa 100 obras de importantes artistas galegos do século XX, doadas por particulares nestes últimos oito anos

A exposición recompila pezas de creadores recoñecidos como Sotomayor, Laxeiro, Elena Gago, María del Carmen Corredoira ou Xaime Quesada, entre outros moitos

Anxo M. Lorenzo enxalza a xenerosidade das persoas doantes, dos que puxo en valor o seu “altruísmo” para o “enriquecemento do patrimonio artístico de Galicia”

A Coruña, 30 de maio de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición Doazóns 2015-2023, na que se amosan 100 obras de artistas galegos do século XX — excepto dúas do século XVII— provenientes de 16 particulares que doaron nestes últimos oito anos pezas de importantes creadores, como  Sotomayor, Laxeiro, Elena Gago, María del Carmen Corredoira ou Xaime Quesada, entre outros.

No acto de inauguración, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cualificou de “xustiza” esta mostra como recoñecemento da “tremenda xenerosidade” que estes particulares teñen demostrado con estas “importantes doazóns”  de pinturas, debuxos, gravados, esculturas e arte decorativa a este centro que forma parte da rede museística da Xunta de Galicia.

Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, esta mostra —que poderá verse no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 30 de setembro — está pensada como unha “continuación ou ampliación” da exposición Doazón Tomás Barros, inaugurada o pasado 2 de maio.

Enriquecemento do patrimonio artístico de Galicia

Neste senso, salientou que ambas as dúas evidencian “a sensibilidade e compromiso social” das persoas propietarias, das que gabou o seu “altruísmo”. Así, puxo en valor que coas súas doazóns non só teñen permitido impulsar as coleccións do Museo de Belas Artes da Coruña,  senón o “enriquecemento do patrimonio artístico de Galicia”.

Entre os artistas representados en Doazóns 2015-2023 atópanse autores como Joaquín Vaamonte, Sotomayor, Manuel Abelenda, Lago Rivera, Laxeiro, Antonio Tenreiro, Sucasas, Úbeda, Lodeiro, Lugrís Vadillo, Elena Gago, María del Carmen Corredoira, Blanca López,  Xaime Quesada ou Francisco Lloréns entre outros.

O director xeral de Cultura fixo fincapé en que se trata de autores galegos do século XX recoñecidos artisticamente, tanto no panorama galego como nacional, con obras que abranguen desde os anos 40 do século pasado, con gran presenza de obras dos anos 80 e 90, ata os inicios do século XXI.

Comparte