Nova: López Campos refírese a Rosalía de Castro como a muller referente da cultura galega
06/06/2024
López Campos refírese a Rosalía de Castro como a muller referente da cultura galega
Asiste á inauguración da xornadas poéticas-multilingüe ‘Rosalía en Camiño 2024’, coas que colabora a Xunta
Gaba esta iniciativa da Fundación Rosalía de Castro porque “axuda a manter o vivo un dos legados máis importantes da literatura universal”
A quinta edición reunirá ata sábado seis poetas de toda a península na Casa de Rosalía, en Padrón, e no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
Padrón (A Coruña), 6 de xuño de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, referiuse hoxe a Rosalía de Castro como “a muller referente da Cultura galega”. Fíxoo durante a inauguración das xornadas poéticas Rosalía en camiño 2024 coas que a Xunta colabora, na que foi a súa primeira visita á Casa-Museo de Rosalía dentro da rolda prevista coas fundacións de autor que realizará por toda a comunidade.
Precisamente, o acto de presentación, ao que asistiu acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrouse na Casa-Museo de Rosalía de Padrón que, xunto co Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollerá desde hoxe e ata o vindeiro sábado, día 8, os recitais multilingües de seis poetas provenientes do País Vasco, Cataluña, Asturias, Portugal e Galicia, que participan nesta quinta edición, comisariada, un ano máis, pola poeta galega Chus Pato.
López Campos puxo en valor o papel que xogan estas xornadas á hora de “engrandecer e manter vivo o legado dunha figura referente non só de Galicia, senón da literatura universal”. De igual xeito, gabou a “gran calidade” do programa, “como reflicten os nomes dos e das poetas participantes”.
Recitais, encontros e actuación musical
Nesta edición, serán protagonistas dos recitais Bernardo Atxaga (País Vasco), Pol Guasch (Cataluña), Miguel Rodríguez Monteavaro (Asturias), Andrea C. Faria (Portugal) e Brenda Mondelo e Andrea Nunes, desde Galicia. Ademais de recitais, as e os autores convidados manterán xuntanzas abertas co público para profundar e intercambiar impresións respecto ás súas obras e perspectivas poéticas.
Rosalía en Camiño 2024 contará como peche da súa programación, o vindeiro sábado, día 8, cun espectáculo de poesía, música e imaxe dirixido polo poeta Miguel Rodríguez Monteavaro, canda o artista sonoro Andrés Rodrigues e o cineasta Iván Torres. Ademais, como cada ano, a Fundación Rosalía publicará un libro con poemas de cada autor e autora, incluíndo un texto en diálogo con Rosalía de Castro. Todas as persoas que asistan ao evento poderán levalo de balde.