Nova: López Campos e o arquitecto César Portela abordan o futuro proxecto do Teatro Fraga

02/08/2024

López Campos e o arquitecto César Portela abordan o futuro proxecto do Teatro Fraga

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude reúnese por primeira vez co que fora responsable da rehabilitación iniciada en 2007 neste emblemático edificio de Vigo

Destaca que se trata dun encontro inicial “para analizar o estado actual do espazo e coñecer varias cuestións a ter en conta con vistas a retomar a reforma “

A Xunta, que adquiriu o inmoble coa Deputación de Pontevedra, considera un fito recuperar para uso público este equipamento cultural de gran simbolismo

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo un encontro co arquitecto César Portela para abordar o estado actual do antigo Teatro Fraga de Vigo e as posibles liñas de intervención para rehabilitar as súas instalacións. Trátase das primeiras conversas entre o responsable de Cultura da Xunta, despois da adquisición deste emblemático edificio por parte do Goberno galego, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, co que fora responsable do proxecto de restauración iniciado no 2007.

Neste senso, López Campos destacou que a reunión supón unha primeira toma de contacto “para analizar o estado actual do edificio, as actuacións previstas no anterior plan de obras e coñecer de primeira man varias cuestións a ter conta de cara a retomar unha reforma que quedou inacabada no seu momento”. Así, sinalou que están revisando a documentación previa coa que conta César Portela e que desde a Xunta “valórase positivamente a súa predisposición a colaborar no novo proxecto para un recinto que xa ten moi estudado”. Un proxecto que suporá, lembrou, “todo un fito, porque recupera un espazo cultural emblemático na cidade viguesa para o seu uso público”.

O compromiso da Administración autonómica é que coa súa reapertura o antigo Teatro Fraga, con máis de 80 anos de historia e que leva pechado desde o 2001, se converta no epicentro da actividade cultural de Vigo, aproveitando o propio simbolismo do inmoble e habilitándoo para acoller unha ampla variedade de programacións públicas e privadas.

Tal e como se tratou na xuntanza entre o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o arquitecto César Portela, a intención é sacar o máximo rendemento en beneficio da sociedade a unas instalacións que contan cun gran auditorio e un espazo, que funcionou como sala de festas, propicio para proxectos baseados na exhibición, creación e participación do tecido artístico.

O convenio

O acordo de compravenda polo que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra adquiriron o inmoble, propiedade de Abanca, materializouse o pasado 19 xullo. O total da operación ascende a 9,3 M€, dos cales o Goberno galego achega o 51% e o órgano provincial o 49%.

Tras o establecemento do plan de usos, este mesmo mes porase en marcha un proceso participativo coa previsión de que o proxecto quede redactado neste mesmo ano e se reserve a previsión dos primeiros investimentos nos orzamentos de 2025.

Comparte