Nova: José López Campos comparte co público do festival Castelo Conta a celebración da cultura rural

22/08/2024

José López Campos comparte co público do festival Castelo Conta a celebración da cultura rural

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia a organización deste evento, que se desenvolve ata o domingo en Culleredo, como parte da súa campaña ‘CulturON’ para impulsar a actividade cultural durante o verán en máis de 200 concellos

Culleredo (A Coruña), 22 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe ao Festival Castelo Conta, en Culleredo, onde compartiu co público do festival esta celebración da cultura rural, a lingua, a comedia e a tradición oral, que é xa un referente na nosa Comunidade. Un ano máis, o Goberno galego colabora na súa organización como parte da campaña CulturON, coa que está a impulsar a oferta cultural durante os meses de verán con máis de 30 actividades diarias en máis de 200 municipios de toda Galicia.

O conselleiro participou na sesión vermú na que se puido gozar dunha demostración de cociña a cargo do chef galego Damián Paris, quen reivindica o traballo con produtos do mercado, e na que se contou coa actuación do trío Lontreira, grupo revelación da música galega.

Precisamente, na programación de hoxe do festival tivo lugar a representación do espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Teatro ó Cubo coa que a compañía teatral da Xunta de Galicia está a celebrar o seu 40º aniversario e que, ata mediados de setembro, percorrerá máis de 100 concellos. Tras a súa función no Castelo Conta, o espectáculo poderá verse noutros 17 municipios galegos. A xira pode consultarse na axenda da web www.cultura.gal.

Comparte