Nova: A Xunta respalda o talento do teatro amador de Galicia coa nova edición do Festival Agustín Magán
03/09/2024
A Xunta respalda o talento do teatro amador de Galicia coa nova edición do Festival Agustín Magán
O Salón Teatro, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural de Santa Marta acollerán desde este sábado, 7 de setembro, obras de seis grupos de teatro afeccionado
Anxo M. Lorenzo salienta o incremento en máis dun 65 % nos últimos catro anos do apoio á Federación Galega de Teatro Afeccionado para “impulsar a importante actividade que se desenvolve en Galicia”
Disfunción Continua, Teatro de Cámara DITEA, Porta Aberta, Gargallada Teatro, Teatro Antas de Ulla e Teatro Pesadelo son as compañías participantes
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez, participaron hoxe na presentación no Salón Teatro de Santiago de Compostela da nova edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. Este certame contará un ano máis coa colaboración da Xunta de Galicia para que, a partir deste sábado e durante este mes de setembro, seis compañías de teatro amador representen as súas obras en diferentes espazos da capital galega.
O Festival Agustín Magán naceu en 2001 co propósito de promover as mellores montaxes teatrais dos grupos afeccionados federados de Galicia. As obras que participan cada ano son seleccionadas por un xurado e representan as propostas máis interesantes dos grupos federados das catro provincias galegas.
Na presentación da programación, Anxo M. Lorenzo lembrou que a comunidade teatral galega do ámbito afeccionado é unha das maiores do territorio español. Deste xeito, apuntou que a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 57 grupos das catro provincias con máis de 850 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, “afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a promoción da cultura e a lingua galega”.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a Federación Galega de Teatro Afeccionado, promotora da iniciativa, por “ter consolidado” un festival que cada ano “reflicte o potencial do teatro amador de Galicia e a súa capacidade para fidelizar público e atraer novos espectadores”.
Incremento do apoio máis de 65 % nos últimos catro anos
Ademais, o director xeral de Cultural fixo fincapé na importancia que esta disciplina ten na política pública do Goberno galego, “como demostra o incremento en máis dun 65 % nos últimos catro anos do apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para impulsar a actividades do teatro afeccionado por todo territorio galego en colaboración coa federación galega”.
O Festival Agustín Magán celebrarase desde mesmo sábado, 7 de setembro, e continuará os días 8, 21, 22, 26 e 27. As representacións terán lugar no Salón Teatro, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta ás 20,00 horas. Participarán as compañías Disfunción Continua, Teatro de Cámara DITEA, Porta Aberta, Gargallada Teatro, Teatro Antas de Ulla e Teatro Pesadelo.
Pulo ao talento amador de Galicia
Anxo M. Lorenzo salientou que esta cooperación se aliña co traballo da Xunta de Galicia para “reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego con accións que impulsen o talento”.
A maiores, o pasado mes de xullo desenvolveuse a xornada 24 anos celebrando o Teatro Amador Galego, conmemorativa do 24 aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado e co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que realizan e pór de relevancia a potencia do teatro amador galego.