Nova: A Xunta comeza as obras de restauración do Teatro de Beneficiencia de Ortigueira cun investimento de máis de 48.000 euros

09/09/2024

A Xunta comeza as obras de restauración do Teatro de Beneficiencia de Ortigueira cun investimento de máis de 48.000 euros

As actuacións procuran preservar un dos recintos históricos máis emblemáticos deste concello coruñés

Na medida do posible, prevese compaxinar as intervencións coa programación cultural xa comprometida

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras de mellora do Teatro de Beneficiencia de Ortigueira, un dos recintos históricos máis emblemáticos do municipio. Estas actuacións contan cun investimento por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de máis de 48.000 euros co obxecto de preservar o edificio e garantir a súa axeitada habitabilidade.

Con este proxecto de mellora, que se prolongará durante aproximadamente tres meses, o Goberno galego busca asegurar a correcta preservación deste espazo, clave na vida cultural de Ortigueira. Por este motivo, prevese compaxinar a execución das obras cos eventos programados xa comprometidos.

Actuacións durante tres meses

En concreto, as intervencións que se van realizar nestes meses estarán centradas no tratamento das paredes con materiais illantes para combater as humidades, respectando sempre a estética orixinal do teatro. Así mesmo, pintaranse tanto as paredes como as carpinterías do recinto, incluídos os camerinos. Tamén será obxecto de restauración o chan de madeira, ao que se lle aplicará un tratamento específico para a súa conservación.

Con estas actuacións, a Xunta procura conservar este edificio histórico, á vez que garantir que continúe sendo un espazo de referencia para a cultura local e un punto de encontro para a veciñanza. Estas obras reflicten o compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pola conservación do patrimonio histórico de Ortigueira e posibilitando que o Teatro de Beneficencia continúe sendo un lugar de referencia para a cultura local.

Comparte