Nova: O Centro Dramático Galego convoca a selección de 22 intérpretes para a súa temporada 2024-2025
12/09/2024
O Centro Dramático Galego convoca a selección de 22 intérpretes para a súa temporada 2024-2025
Publícanse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais as bases deste proceso para definir os elencos das dúas próximas producións propias da unidade teatral da Xunta, cos títulos provisionais de ‘Mesiña, ponte!’ e ‘Countdown’
Lorena Conde e Pablo Reboleiro dirixirán estas dúas novas propostas, que comezarán ensaios en novembro e decembro deste ano e verán a luz xa en 2025
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2024
O Centro Dramático Galego acaba de abrir a convocatoria dun novo proceso de selección no que se elixiran 22 intérpretes para configurar os elencos das dúas producións propias da súa temporada 2024-2025. Lorena Conde e Pablo Reboleiro dirixirán estas novas propostas baixo os títulos provisionais de Mesiña, ponte! e Countdown, respectivamente, que iniciarán ensaios en novembro e decembro deste ano cara á súa estrea en 2025.
Das 22 prazas convocadas, 15 corresponden a Mesiña, ponte!, a partir dun texto da propia Lorena Conde, que poderá verse en escena a partir do mes de marzo. Trátase dunha fábula arredor dunha familia obreira galega nos anos noventa do século pasado, a través da que se aborda como, en moitas ocasións, o traballo fabril acabou por invadir as vivendas e mesmo as vidas das familias.
Lorena Conde conta cunha traxectoria de máis de 15 anos como dramaturga e directora teatral, facetas que compaxina coas de actriz, artista plástica, narradora e poeta, entre outras. É cofundadora das compañías galegas Matrioshka e A Feroz, e no eidos das artes aplicadas e a ilustración, desenvolve un labor de experimentación no seu taller, A Maranha.
A segunda das producións propias da nova temporada da unidade teatral da Xunta, Countdown, desenvolverase a partir dos textos de Clara Gayo e Pablo Reboleiro, con dirección deste último e sete intérpretes en escena. Neste caso, a estrea está prevista para o mes de setembro do próximo ano.
Circo para a reflexión
A montaxe concibirase como un trepidante espectáculo multidisciplinar, no que o circo levará a batuta, para abordar unha reflexión sobre o momento actual marcado pola emerxencia medioambiental e climática, o esgotamento das reservas enerxéticas, a crise e desaceleración económica e financeira, a tensión internacional ou o auxe dos extremismos.
Cóntase para este proxecto co artista multidisplinar Pablo Reboleiro, cofundador de Pistacatro e creador e director de numerosos espectáculos cos que ten xirado por diferentes países e nos que propón una mestura de circo, danza e teatro, sempre dende a base cómica e humana do pallaso.
O prazo de solicitude para participar neste proceso do Centro Dramático Galego dará comezo mañá e permanecerá aberto ata o venres 27 de setembro. En ambos os casos, buscarase a creación coral en escena a partir dos textos propostos e valorarase a versatilidade interpretativa das persoas candidatas. Ademais, o elenco de Mesiña, ponte! debe representar un amplo rango de idades e seleccionaranse tamén algúns perfís transdisciplinares, con coñecemento e experiencia creativa en ámbitos como a música ou a danza. Para Countdown, prestarase especial atención ao traballo xestual, de movemento e nas disciplinas circenses.