Nova: López Campos enxalza o “talento, orixinalidade e liberdade artística” de ‘Wily’ nunha mostra en Lalín

13/09/2024

López Campos enxalza o “talento, orixinalidade e liberdade artística” de ‘Wily’ nunha mostra en Lalín

Destaca a importancia de “poñer en valor o legado dun creador polifacético con pezas que, na súa maioría, podemos contemplar por primeira vez”

Con ‘Wily, sempre Wily’ réndeselle homenaxe ao escultor, pintor e músico Antonio Taboada, natural da parroquia lalinense de Botos falecido no 2006

Recompílanse diferentes obras como 7 esculturas en madeira e 20 debuxos inéditos

Santiago de Compostela, 13 de setembro 2024

Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron na inauguración, no Museo Ramón María Aller de Lalín, da exposición Wily sempre Wily coa que a localidade homenaxea a un dos seus veciños ilustres, o artista Antonio Taboada (1962-2006), natural da parroquia de Botos.

O titular de Cultura da Xunta amosou a súa ledicia por poder compartir coas amizades e a familia do coñecido por todos como Wily “esta escolma de pezas que, na súa maioría, podemos contemplar por primeira vez e que son mostra do gran talento que atesourou un artista nacido en terra de recoñecidos nomes no mundo da nosa cultura”. Así, quixo felicitar “ao museo e a todas as persoas que fixeron posible esta iniciativa para poñer en valor o seu legado”, puntualizando que “é unha obra digna de coñecer pola súa capacidade para desenvolver creacións cun selo tan particular en diversas disciplinas, como é a talla de madeira”.

López Campos, tamén fixo referencia aos 20 debuxos, realizados con diversas técnicas e nunca exhibidos, e “que dan conta de que estamos ante unha persoa totalmente polifacética e con moito mundo percorrido, unha desas persoas que contribuíron a forxar unha Galicia de creadores con importantes inquedanzas artísticas, desde a liberdade e a orixinalidade, e que cómpre non deixar esquecidas”.

A mostra, que se poderá visitar ata o 13 de novembro, componse de 7 das súas características esculturas, 3 delas descoñecidas polo público, e que realizaba tratando a madeira con motoserra. Son pezas conservadas pola familia ao longo do tempo, ao igual que os 7 cadros do mesmo material que fan referencia a lugares nos que el estivo como Florencia ou Venecia. A esta recompilación únesenlle 20 debuxos realizados con técnica mixta, como a acuarela, e que tampouco foran exhibidos ata o de agora.

Sobre Antonio Taboada ‘Wily’

Antonio Taboada Ferradás, alcumado como Wily, naceu na parroquia lalinense de Botos en 1962 e faleceu no mesmo lugar en 2006, arroiado por un tren. Durante a súa vida desenvolveu o seu talento artístico como escultor, pintor, poeta e músico.

Comezou a súa formación nun curso de talla en Lalín co mestre artesán Antonio Presas, e entrou cunha primeira obra na selección da segunda bienal organizada pola Fundación Araguaney. A partir de aí sucedéronse varios fitos como unha bolsa de novos valores na Bienal de Pontevedra (1989), exercida en París, ou a presentación da súa obra en Alemaña, Francia e México.

Ademais, a mediados da década dos 90 varios críticos situárono entre as principais promesas da escultura galega transatlántica. Estivo en Florencia nunha estadía como bolseiro do concello de Lalín que lle valeu para experimentar con novas materias primas e en 2004 expuxo en Nova York, resaltando o carácter cosmopolita das súas creacións sen renegar dunha visión con orixe no rural.

Comparte