Nova: O Festival de Cinema de Bueu pecha hoxe a súa 17ª edición con varios actos e a entrega de premios

14/09/2024

O Festival de Cinema de Bueu pecha hoxe a súa 17ª edición con varios actos e a entrega de premios

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participa nas actividades da mañá coa presentación dunha publicación na que colabora o seu departamento

Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, entrega pola noite o galardón á mellor curtametraxe galega

O certame recibe apoio da Xunta como cita estratéxica para o audiovisual en Galicia

Bueu (Pontevedra), 14 de setembro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu esta mañá ás actividades do Festival Internacional de Cinema de Bueu na que é a última xornada desta 17ª edición, que se vén desenvolvendo desde o pasado 6 de setembro co apoio da Xunta de Galicia como cita estratéxica para o audiovisual galego.

Neste senso, o representante da Xunta participou na presentación dunha publicación que sae á luz ao abeiro do certame e que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Trátase dun caderno que aborda a figura do destacado cineasta Joan Mekas, a quen se lle dedica a Sección Restrospectiva, e que foi elaborado pola investigadora, docente e fotógrafa musical Nieves Febrer.

A iniciativa, segundo destacou Valentín García, “vén deixar constancia da proxección da obra dun dos creadores máis célebres do cinema independente nun festival tan consolidado, poñendo en valor o seu paso por este certame a través das nosas letras”. Así, salientou “a bagaxe, a solvencia e o percorrido” desta proposta cultural.

Entrega de premios

 Precisamente, por parte do Goberno galego será o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen entregue esta noite, no acto de peche que dará comezo ás 23,00 horas, o premio á mellor curtametraxe galega, nunha xornada na que tamén será galardoada a actriz María Vázquez en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao cinema galego e estatal.

A programación do FICBueu ofreceu este ano a estrea en España de 15 curtas chegadas de diferentes países e, en moitos casos, premiadas en destacados certames do circuíto internacional. A posta polo talento galego fíxose a través da sección a concurso GZ_00 na que, desta volta, competiron catro documentais: Kalabukú, de Andrea Bouzo; Queimar cando morra, de Inés Pintor; Segunda II, de Anita Pîco, e Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo. Ademais, na competición oficial exhibiranse os filmes galegos O frío, de Pablo Dopazo; Habitar, de Anxos Fazáns, e Platónico, Platónica, de Xacio Baño.

Comparte