Nova: Belén do Campo reúnese co alcalde de Coristanco para seguir avanzando nas vías de colaboración entre ambas administracións
24/09/2024
Belén do Campo reúnese co alcalde de Coristanco para seguir avanzando nas vías de colaboración entre ambas administracións
Coristanco (A Coruña), 24 de setembro de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, co alcalde de Coristanco Juan Carlos García. No encontro repasaron os convenios coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a ampliación da biblioteca e coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a adecuación dun baixo no edificio de servizos múltiples como base de protección civil. Ambos proxectos contan co apoio do Goberno galego e son actuacións necesarias para ofrecer mellores servizos aos veciños no eido sociocultural e de emerxencias.
Na reunión tamén repasaron as necesidades en materia de abastecemento de augas e da probabilidade de levar a cabo algúns axustes nas paradas de autobús escolares e metropolitanas. Ademais, a delegada coñeceu o proxecto no que está a traballar o rexedor para o entorno de Verdes.
No encontro tamén tiveron ocasión de analizar outras necesidades deste concello e estudiaron posibles vías de cooperación conxunta de cara ao futuro. Belén do Campo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar cos proxectos que vaian en beneficio dos cidadáns.